Román Rodríguez subliña que Galicia é a única comunidade onde os universitarios pagan as mesmas taxas que hai dez anos
O conselleiro de Educación destaca que a conxelación, por décimo ano consecutivo, dos prezos públicos universitarios garante a igualdade de oportunidades no acceso á universidade
As políticas da Xunta de Galicia a prol do ensino universitario xeran un aforro estimado de 21,3 millóns de euros en matrículas para as familias galegas con estudantes universitarios, a razón de entre 308 e 1.150 €/familia en función do tipo de estudos
Galicia é a única Comunidade Autónoma no que un estudante universitario vai seguir pagando pola súa matrícula de grao exactamente o mesmo que hai unha década; e sitúase, de novo, entre as comunidades autónomas coas taxas máis baratas do Estado para cursar estudos de grao e máster universitario.
Así o explicou hoxe no Pleno do Parlamento o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que subliñou o compromiso do Goberno galego coas familias para garantir o acceso dos seus fillos á universidade nas mellores condicións e sen que a situación económica supoña un freo, máxime no actual contexto de pandemia. Neste senso recalcou que a conxelación dos prezos públicos “é unha medida fundamental para acadar un acceso en igualdade de oportunidades aos estudos universitarios”.
Así, o Decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos no Sistema Universitario de Galicia, para o presente curso académico 2020/21, establece a conxelación por décimo ano consecutivo das taxas de grao; e, por terceiro ano, de máster habilitante (necesarios para exercer unha profesión). Así mesmo, establécese a baixada dos prezos públicos das primeiras matrículas de Máster non habilitante (enfocados a unha especialización de coñecementos ou á investigación científica), ata equiparalos aos prezos de grao universitario.
Esta medida supón aforro de máis de 21 millóns de euros en matrículas para as familias galegas con estudantes universitarios, que se reparten en contías que van de entre os 308 €/curso para un estudante de grao, os 660 €/curso para un estudante dun máster habilitante e os 1.150 €/curso no resto de máster universitarios.
Ademais somos a única comunidade autónoma do Estado que estamos cumprindo co obxectivo marcado polo Goberno de España de manter conxelados os prezos públicos universitarios para o vindeiro ano, ao mesmo nivel do curso 2011-12.
Matrículas de grao
No caso das matrículas de grao o prezo medio mantense por décimo ano consecutivo en 11,89 €/crédito, o que supón un aforro de 5,14 euros con respecto aos 17,03 €/crédito de media de España, sendo Cataluña a comunidade autónoma coas taxas máis elevadas, cunha media de 33,52 €/crédito.
As de grao acaparan o 90% do total de matrículas do Sistema Universitario Galego, polo que con esta conxelación de taxas, un estudante galego de grao pode aforrar, con respecto á media de España, un total de 308,40 euros ao curso en matrículas.
Matrículas de máster
No que atinxe aos máster, este curso tamén se manteñen conxeladas as taxas dos Máster habilitantes e se rebaixan as dos non habilitantes ata unificalas cos dos habilitantes dos graos.
Coa rebaixa dos Máster non habilitantes dos 26,49€/c este ano aos a 11,89 €/c do vindeiro curso, Galicia escala da quinta á primeira posición no ránking de CCAA canto ao prezo das matrículas nestes estudos. Falamos de 19,17 €/crédito menos cá media estatal, que se sitúa nos 31,06 euros.
O alumnado que cursa este tipo de máster non habilitantes representa o 7% do sistema. Canto ao aforro das familias con respecto á media estatal, sitúase nuns 1.150,20 €/curso e por estudante.
No caso dos máster habilitantes (necesarios para exercer unha profesión), a taxa media de matrícula mantense nos 11,89 €/crédito (igual que os estudos de grao), cun aforro de 11 € con respecto ao prezo medio do Estado, que se sitúa nos 22,89 €/crédito. Isto fai que as familias galegas cuxos fillos cursen o vindeiro ano un máster habilitante nalgunha das universidades galegas aforren unha media de 660 euros por curso en comparación coa media de España. As matrículas nesta modalidade representan o 3% do conxunto do sistema.