A Xunta mantén a súa aposta pola modernización dos centros educativos no contexto da pandemia
O conselleiro de Educación visitou o IES Lama das Quendas (Chantada), onde se acaba de realizar unha obra de rehabilitación enerxética
O Goberno galego programa obras por importe de máis de 51 M€ en instalacións educativas este ano
No instituto chantadino investíronse preto de 600.000 euros nesta rehabilitación
A Xunta mantén a súa aposta pola modernización e renovación dos centros educativos, malia á pandemia da covid-19. Así o explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na súa visita hoxe ao chantadino IES Lama das Quendas, onde o seu departamento vén de executar unha obra de rehabilitación por importe de 595.497,87 €.
O conselleiro explicou que a Administración autonómica está “redobrando esforzos” para garantir a máxima seguridade no eido educativo para facer fronte á pandemia, con liñas de actuación a nivel académico que esixen dunha grande implicación por parte do profesorado e do alumnado. “Pero temos que conxugar estas actuacións específicas con outras que xa víñamos facendo como é a mellora das infraestruturas e do equipamento dos centros escolares, porque o proceso educativo non pode parar”.
Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia recordou que o Goberno galego programa este ano obras e equipamento de máis de 51 M€. De feito, no marco do Plan de Reactivación do Sector Construción para a mellora dos Centros Educativos incrementouse en 30 millóns máis dos previstos inicialmente para este ano, co fin de favorecer a creación de emprego, especialmente entre as pequenas e medianas empresas.
Co novo investimento programáronse un total de 535 actuacións de obra e equipamento. As obras contemplaron tanto rehabilitacións integrais e de mellora da eficiencia enerxética como ampliacións, traballos de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM); e rehabilitacións sectoriais (sobre as problemáticas máis comúns nos centros: cubertas, carpintarías exteriores, iluminación...), entre outras.
Mellora de fachada, cuberta e ventás
As actuacións no IES Lama das Quendas centráronse na mellora da eficiencia enerxética do centro, a través da colocación de illamento de fachada polo exterior mediante sistema SATE. Así mesmo mudáronse as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se substituíron as persianas, que levan illante térmico interior.
A maiores a obra contemplou a reparación da cuberta do polideportivo e a substitución do termo dos vestiarios. Os traballos completáronse coa reparación e pintado de paramentos, a renovación dos aseos -incluído novo mobiliario, fontanería e saneamento-, e co abrillantado do pavimento de terrazo.
Ademais desta rehabilitación que supuxo case 600.000 euros de investimento público por parte da Xunta, hai que engadir outros 117.000 euros investidos nos últimos anos en obras puntuais como a reforma e substitución da carpintería dos aseos, ou melloras en distintos departamentos, no pavimento do pavillón entre outras.
O IES Lama das Quendas é un instituto moi comprometido coas iniciativas educativas que a Consellería de Educación pon á disposición dos centros ao longo de todo o curso.
Así, destaca especialmente pola súa participación en proxectos de Educación Dixital (é centro E-Dixgal desde o curso 18-19 para 1º e 2º curso de ESO, e Club de Ciencia); en diversas iniciativas do Plan Proxecta o curso pasado (Centros Activos e Saudables, Donas de Si, Paisaxe e Substentabilidade, Proxecto Ríos e Educación Patrimonial), no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) e nos Club de Lectura.
Tamén participa nos Contratos-Programa coa liña 1 (Refórza-t), de mellora do rendemento académico de alumnado con dificultades; e dispón dun auxiliar de conversa para atender á sección bilingüe coa que conta.