A Xunta garantirá o subministro de máscaras de protección para o alumnado que máis o necesite durante todo o curso
O conselleiro de Educación presidiu hoxe a Xunta Autonómica de Directores
Poderán beneficiarse deste reparto arredor dos 100.000 rapaces con dereito ás axudas da Consellería para a adquisición de material escolar, posto que se van aplicar os mesmos criterios de ingreso familiar
Ademais, está previsto enviar xa aos 1.106 centros públicos os 7 millóns de euros do fondo de Reserva de Garantía Educativa, co que poderán adquirir estas máscaras así como outro material vencellado á prevención do risco sanitario
A partida total que a Consellería destina aos centros para os seus gastos ordinarios elévase a 23,5 millóns de euros, o que supón un 42% máis ca o inicialmente previsto
Román Rodríguez anunciou que se está tramitando unha segunda compra de máscaras para o profesorado que permitirá cubrir todas as necesidades ata finais de curso
O Goberno galego está a investir un total de 162 millóns de euros no sistema educativo galego para atender as necesidades xeradas pola pandemia
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión da Xunta Autonómica de Directores, onde informou de que o Goberno galego garantirá o subministro de máscaras de protección para o alumnado que máis o necesite durante todo o curso escolar, así como para o profesorado.
Neste sentido explicou que esta semana se enviará aos centros educativos os fondos da Reserva de Garantía Educativa, dotado con 7 millóns de euros, co que se amplía a partida total de gastos ordinarios dos centros que ascende a 23,5 millóns de euros (un 42% máis ca o inicialmente previsto). Con esta dotación orzamentaria, os centros poderán adquirir material vencellado á prevención do risco sanitario e á loita contra a covid-19, como máscaras hixiénicas reutilizables para o alumnado, pantallas faciais ou xel hidroalcohólico, entre outros.
Por outra banda, o conselleiro de Educación −que estivo acompañado do director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo− anunciou que a Xunta está tramitando a segunda compra de máscaras hixiénicas para o profesorado, que será repartida nas próximas semanas, e que permitirá cubrir todas as necesidades dos docentes ata finais de curso. Neste momento, logo do primeiro envío realizado a principios de curso, a Consellería dispón de stock suficiente para atender as demandas puntuais que trasladen os centros.
Román Rodríguez subliñou o compromiso da Xunta cos centros educativos, cos alumnos e coas familias, dos que destacou o traballo e esforzo que están realizando nunha situación excepcional como a actual. “Estamos e estaremos ao lado da comunidade educativa realizando todo o que estea nas nosas mans para garantir que as nosas aulas sexan espazos seguros”, abondou.
Criterios de acceso
Román Rodríguez informou, así mesmo, de que está previsto publicar esta mesma semana unha orde para regular o acceso ás máscaras para o alumnado que máis o precise, seguindo os mesmos criterios establecidos para o acceso ás axudas de adquisición de material escolar. Tendo en conta estes criterios, a previsión é que se beneficien do reparto gratuíto de máscaras de protección arredor de 100.000 alumnos de centros sostidos con fondos públicos.
A este respecto avanzou que as alumnas e alumnos que sexan beneficiarios este curso das axudas para a compra de material escolar da Consellería de Educación accederán de forma inmediata ás máscaras. As familias que non solicitaran estas axudas pero que se atopen neses tramos de renda poderán presentar unha solicitude para que aos seus fillos se lles subministren máscaras de protección no centro educativo.
Máscaras transparentes
A maiores, a Xunta publicará as especificacións técnicas sobre o material que deben adquirir os centros con cargo á Reserva de Garantía Educativa, dotada con 7 millóns de euros, e cuxo ingreso se vai materializar nos vindeiros días entre os 1.106 centros públicos beneficiados. Esta contía será xestionada directamente polos propios centros que, en función das súas necesidades, poderán adquirir as máscaras para os alumnos que cumpran cos criterios de renda per cápita familiar, así como outros elementos de prevención da pandemia como máscaras transparentes para a atención nas aulas de audición e linguaxe, mamparas, produtos desinfectantes, hidroxel, ou equipos de illamento, entre outros.
O conselleiro incidiu en que estas medidas son un paso máis na tarefa que está a desenvolver a Xunta de Galicia en prol da seguridade sanitaria nas aulas galegas.
Cómpre lembrar que a partida do Fondo de Reserva de Garantía Educativa dotada con 7 millóns de euros, cuxo envío se vai concretar xa, amplía ata os 23,5 millóns de euros a partida que a Consellería de Educación está destinando aos centros escolares en concepto de gastos de funcionamento para facer fronte ás necesidades de seguridade e hixiene derivadas da covid-19.
En total, o Goberno autonómico está a investir uns 162 millóns de euros no sistema educativo galego para atender as necesidades xeradas pola pandemia. Deste montante, a meirande parte absórbea a dotación de recursos humanos con case 94 M€, seguido da dotación de equipamentos, ao que se destinan 43,5 M€, e outros 25 M€ para a atención e reforzo de servizos como o comedor escolar ou a limpeza.