A Xunta e Endesa firman un convenio para a doazón de 120 ordenadores para estudantes en situación de vulnerabilidade
O secretario xeral de Educación, José Luis Mira, e o responsable de Relacións Institucionais da empresa no Noroeste, José Antonio Menéndez, asinaron hoxe o acordo
Os equipos estarán dotados cunha tarxeta de datos, de cuxo coste tamén se ocupa Endesa, co fin de facilitar o acceso á teleformación
O secretario xeral de Educación e FP da Xunta, José Luis Mira, asinou hoxe na Coruña un convenio de colaboración co responsable de Relacións Institucionais de Endesa, José Antonio Menéndez, polo que Endesa doará 120 equipos informáticos a estudantes galegos en situación de vulnerabilidade.
Trátase dunha acción incluída dentro do Plan de Responsabilidade Pública que a compañía está a aplicar con motivo da pandemia do coronavirus e que, ademais dos equipos informáticos, inclúe tarxetas de conexión a internet co fin de facilitar o acceso á teleformación a alumnos en situación de vulnerabilidade.
O acordo asinado establece ademais os 27 centros docentes cuxos alumnos se beneficiarán desta actuación. Concretamente, se trata de 18 colexios de Ferrol, cinco das Pontes, un da Capela, outro de Monfero e dous de Viana do Bolo.
Durante a firma do convenio, que se celebrou nas oficinas da compañía na Coruña, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu a aposta de Endesa pola educación e a súa contribución a que o alumnado poida continuar cos seus estudos en igualdade de condicións a pesar da pandemia. Un obxectivo que, tal e como explicou, está en liña cos fixados no Plan de Ensino Virtual que impulsa a Xunta de Galicia.
Pola súa banda, José Antonio Menéndez, responsable de Relacións Institucionais de Endesa Noroeste, explicou que este proxecto “consegue materializar o propósito que a compañía se fixou o pasado marzo de axudar co seu Plan de Responsabilidade Pública alí onde máis se nos necesitase e como máis se nos necesite. Tras a compra de material sanitario e bens de primeira necesidade, requírese agora a reactivación socioeconómica de todo o país e asegurar, como sempre dixemos, que ninguén quede atrás nesta transición que vivimos”.