A Consellería cifra no 21´9% a incidencia da folga, e agradece a actitude responsable de todo o profesorado
A administración educativa fai un chamamento ao diálogo “para que os paros no prexudiquen aos alumnos”
O Director Xeral de Centros, José Manuel Pinal informou hoxe que segundo os datos que manexa a administración educativa, a folga convocada polos sindicatos do ensino foi seguida por un 21,98 % dos docentes, dos que 29% o seguiron en primaria e o 15% en secundaria. O seguimento foi similar nas catro provincias galegas. Así, na Coruña foi do 20,4%, en Lugo do 16,6%, en Ourense do 25,6%, mentres que en 24,5%.
O responsable educativo agradeceu “a responsabilidade dos docentes que permaneceron maioritariamente nas clases atendendo aos rapaces”. Ademais, a Consellería valora o comportamento de todo o colectivo que fixo posible tanto o respecto ao dereito a folga como a normalidade nas aulas. José Manuel Pinal engadiu que a escasa incidencia da folga demostrou que o gran maioría do profesorado e da sociedade non comparte os motivos que levaron a convocatoria da folga “que en nada redunda na calidade educativa nin no beneficio dos escolares galegos”.
Pinal Rodríguez fixo un chamamento a retomar o diálogo cos sindicatos e apelou á súa responsabilidade para que desconvoquen a segunda xornada de folga fixada para o vindeiro martes “para así poder traballar xuntos na mellora da calidade educativa dende unha xestión que estamos obrigados a facer eficientemente”. O seu xuízo, “os profesores nas clases, os pais e a comunidade educativa no seu conxunto debemos de loitar todos xuntos pola calidade do ensino e en beneficio das nenas e nenos galegos, que é polo que todos estamos a traballar”.
O director xeral lembrou que a ampliación da xornada lectiva non supón en ningún caso que o profesorado teña que traballar máis. Pola contra, dixo que grazas a medida adoptada –que equipara en horas lectivas aos docentes galegos co 80% dos de toda España- a comunidade educativa disporá de 60.000 horas máis á semana para atender aos nenos e nenas con máis necesidades ou dificultades de aprendizaxe.
Neste senso recordou que a decisión de reorganizar o horario lectivo non aumenta a xornada laboral dos mestres senón que simplemente reestrutura o seu horario lectivo en beneficio da calidade do ensino. Deste xeito recupérase a xornada lectiva que en 2007 foi modificada a través dun acordo entre o goberno bipartito.
Declaracións (1) do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal
Declaracións (2) do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal