A Consellería de Educación reafirma no parlamento a súa aposta pola formación profesional en Galicia que se traduce nun incremento de máis do 11% na matriculación neste curso
Se estima que desde a chegada ao goberno os matriculados en ciclos formativos ordinarios, de adultos e programas de cualificación profesional inicial poderían acadar os 42.000 matriculados, o que suporía un incremento do 23%
No presente curso creáronse novos centros integrados e ciclos formativos que responden a demanda das galegas e galegos
O número de matriculados en ciclos formativos ordinarios no presente curso, no que aínda está aberta a posibilidade de apuntarse, chega a 34.000, o que supón case catro mil máis que o curso pasado
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Luis Mira, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, a petición propia, para explicar as medidas de ampliación de oferta e mellorada Formación Profesional.
Durante a súa intervención o director xeral sinalou que as medidas desenvolvidas pola Consellería permitiron que a matricula nos ciclos formativos ordinarios, os de adultos e os programas de cualificación profesional inicial se incrementaran en máis dun 11% respecto do curso pasado. Ademais para o presente ano escolar se estima que poderían acadar os 42.000 matriculados o que suporía un incremento do 23% dos estudantes nestes estudos desde o comezo da lexislatura. Trátanse duns datos provisionais xa que aínda continúa aberto o prazo de matriculación. De feito, e que ata o de agora, xa están matriculados case 34.000 estudantes nos ciclos formativos ordinarios, preto catro mil máis que o ano pasado por estas datas.
Dito incremento produciuse grazas ao traballo desenvolvido pola Consellería a prol de dar resposta ás demandas das galegas e galegos, o que impulsou que para este curso adaptáranse sete novos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), o que significa un incremento na oferta de máis de mil prazas, e, que se oferten 18 novos ciclos formativos.
Centros integrados de FP
Durante a intervención no Parlamento explicou que “realizouse unha transformación de IES en CIFP que permitiu incrementar rede de CIFP de Galica, que constitúen institucións ao servizo da cidadanía e do sector produtivo”. Unha modificación que permitiu a creación de sete novos CIFP que se engadían aos dez existentes, e que “teñen ofertas formativas de FP inicial, ocupacional e continua, que deben contribuír á cualificación e recualificación das persoas, acomodándose ás súas expectativas profesionais”, sinalou Mira.
Deste xeito os novos CIFP serán en o Paseo das Pontes, en A Coruña; Ferrolterra, en Ferrol; Coroso, en Ribeira; Politécnico, en Lugo; Portovello, en Ourense; A Xunqueira, en Pontevedra, e Manuel Antonio, en Vigo. Centros nos que se responderá ás demandas existentes de Formación Profesional.
Aumento da oferta en ciclos formativos ordinarios
Entre os beneficios que se obtiveron coa ampliación da rede de CIFP esta o aumento da oferta de FP, que tal e como sinalou José Luis Mira “neste curso incrementamos 18 Ciclos Formativos en Galicia, a pesares da situación económica na que estamos. Isto creo que deixa claro que non facemos recorte algún”. Asemade resaltou que este incremento na oferta de ciclos formativos permitiu a creación de máis prazas e máis profesores, así como unha maior flexibilidade que permita conciliar a vida persoal, familiar e laboral.
Cómpre sinalar que grazas aos novos CIFP se incrementaron en 27 os grupos de Ciclos Formativos, moi demandados e nos que non había praza, o que permitiu que se poidan cualificar 850 persoas, que do contrario non o podían facer. Resaltou así mesmo que con esta medida de creación de 7 novos CIFP incrementáronse as prazas en máis de 1.200 respecto de 2009.
Ademais durante a súa comparecencia José Luis Mira recordou que os CIFP levan a cabo distintas accións para proporcionar aos profesionais carnes profesionais, dan formación a traballadores en paro, teñen aulas de empresa, viveiros de empresa e forman a profesores, entre outras accións.
FP no rural
Así mesmo, durante a súa intervención o director xeral recordou que ademais se manterá a oferta de FP no rural, e sinalou que “xunto a aposta pola FP nas cidades, a Consellería de Educación foi quen de manter unha axeitada de FP no rural”.
Ao longo da súa intervención José Luis Mira incidiu na importancia de mellorar a calidade e a oferta educativa en Galicia, neste caso no relativo á FP e destacou que “as liñas educativas postas en marcha pola Consellería están encamiñadas a cumprir coa “Estratexia 2020”, da Comisión Europea para as ensinanzas de FP” e que se está a facer a través dunha folla de ruta para a FP que se fundamenta “nun incremento da oferta e do número de prazas; a extensión da FP a distancia ás 4 provincias galegas; e nunha oferta de ciclos máis adaptados ás necesidades dos sectores socioprodutivos de Galicia, o que favorece a súa empregabilidade”
Asemade afirmou que “o actual Goberno galego concédelle á FP unha especial importancia“ ao que engadiu que “as ensinanzas de FP están chamadas a xogar un papel determinante na preparación de capital humano para conseguir un sistema produtivo competitivo e de oportunidades. Ademais, a formación que recibe este alumnado, fai tamén que sexan un verdadeiro potencial para a aparición de novos emprendedores, a creación de empresas e o desenvolvemento de proxectos de I+D+i”.