A Xunta abre o prazo para anotarse nas listaxes de substitución de profesorado en sete especialidades diferentes
Terán prioridade á hora da contratación as persoas que conten co Máster do Profesorado ou equivalente
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se habilita o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas de interinidades e substitucións dos corpos docentes nun total de 7 especialidades diferentes. No corpo de mestres os candidatos poderán anotarse na especialidade de Lingua estranxeira francés, mentres que na de profesorado de ensino secundario ábrense as listaxes de Lingua castelá e literatura, Francés, Sistemas electrónicos e Sistemas electrotécnicos e automáticos. No caso do corpo de profesores técnicos de formación profesional abriranse as listaxes para as especialidades de Equipos electrónicos e de Instalacións electrotécnicas.
A Consellería abre estas listaxes para atender as necesidades que poidan xurdir ao longo do curso para a contratación de profesorado, de forma concreta nalgunhas especialidades. Tendo en conta o Real Decreto-Lei 31/2020, de 29 de setembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, así como a disposición transitoria asinada cos sindicatos ao Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto, a resolución publicada no DOG establece a exención temporal do requisito do Máster do Profesorado ou equivalente cando non sexa posible nomear a candidatos que estean en posesión desta formación pedagóxica. Esta medida aplícase só ao actual contexto covid.
Terán prioridade á hora da contratación, en todo caso, as persoas que conten co Máster do Profesorado ou equivalente. De non contar con ela, tal e como establece a disposición transitoria asinada cos sindicatos, deberá realizar a formación que está a deseñar a Consellería a través do Centro Autonómico de formación e Innovación (CAFI). En calquera caso, as persoas que accedan á docencia sen contar co Máster non consolidarán o dereito á prioridade na lista; polo que os dereitos do profesorado quedan plenamente garantidos.
Cómpre lembrar que en Galicia, os procesos selectivos dos últimos anos garanten que hai profesorado ben formado e con coñecementos pedagóxicos; polo que se estima que a contratación de docentes sen máster ou equivalente será residual.