102 Centros educativos participan este curso no programa ‘Biblioteca Creativa’, para fomentar a investigación e a aprendizaxe
Do total de centros adheridos, 25 son de nova incorporación mentres que outros 77 renovan a súa continuidade no proxecto nas bibliotecas escolares
A través desta iniciativa dirixida a infantil e primaria búscase familiarizar aos máis cativos coa robótica e a linguaxe de programación
A Xunta aporta os recursos necesarios, que inclúen a dotación de pequenos robots, os Escornabots, cos que o alumnado pode realizar as actividades
Un total de 102 centros educativos de Infantil e Primaria de toda Galicia −25 de nova incorporación e outros 77 que renovan a súa continuidade− participan neste curso no programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia que ten por obxectivo impulsar, desde a biblioteca escolar, un espazo creativo de aprendizaxes no que o alumnado poida experimentar e investigar con todo tipo de recursos; e para o cal a Consellería de Cultura, Educación e Universidade aporta os recursos necesarios.
Así, segundo a resolución publicada no Portal Educativo, neste curso participarán por primeira vez neste programa un total de 10 novos centros da provincia da Coruña, tres de Lugo, dous de Ourense e 10 de Pontevedra. Ao mesmo tempo, tamén se renova a continuidade no proxecto doutros 77 centros incorporados en edicións anteriores, polo que o total de centros adscritos elévanse a 102, a razón de 38 na provincia da Coruña, 14 en Lugo, 11 en Ourense e 39 en Pontevedra.
Esta iniciativa, −integrada no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE)−, busca estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar, mediante a utilización de pequenos robots, os Escornabots, deseñados dentro dun proxecto de hardware libre, cunha evolución aberta á comunidade. A través disto búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.
Dotación de recursos
Todos os centros de nova incorporación seleccionados reciben directamente no centro os materiais para montar os Escornabots que se incorporan á biblioteca.
Os 77 centros que renovan a súa participación reciben unha asignación para ampliar o proxecto, ben sexa coa dotación dun recuncho creativo dentro da biblioteca con recursos de robótica e impresión 3D; coa adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma creativa, ou a través da formación do alumnado a través de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou outros ámbitos relacionados co programa impartidos por profesionais do eido.
No caso dos centros con un ano de antigüidade no programa, a asignación vai destinada á adquisición dos medios necesarios para introducir a impresión 3D no recuncho creativo da biblioteca escolar. No caso dos centros con dous anos de presenza no programa, a asignación destínase á adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma colaborativa, configurando un ‘espazo creativo’ diverso e axeitado aos intereses da comunidade educativa e ás finalidades do centro; mentres que os centros con tres anos de presenza en Biblioteca Creativa deberán destinar a asignación que reciban da Consellería á formación do alumnado coa realización no propio centro, de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou de calquera outro ámbito presente no ‘espazo creativo’, a experimentación, a robótica, a programación etc., impartidos por profesionais ou persoas experimentadas en cada ámbito. Estes obradoiros poderán ter formato presencial, se as circunstancias sanitarias así o permiten, ou telemático.
No caso dos centros con catro anos de presenza no programa, a asignación deberá destinarse á formación do alumnado coa realización no propio centro de obradoiros e actividades relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030; actividades que deberán ter como referencia o “espazo creativo” da biblioteca.
Listado de centros de nova incorporación ao programa ‘Biblioteca Creativa’:
A Coruña:
Centro |
Concello |
Provincia |
CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro |
Capela, A |
A Coruña |
CEIP Salgado Torres |
Coruña, A |
A Coruña |
CEIP Plurilingüe de Centieiras |
Fene |
A Coruña |
CEIP de Caión |
Laracha, A |
A Coruña |
CEIP Plurilingüe de Louro |
Muros |
A Coruña |
CEIP dos Muíños |
Muxía |
A Coruña |
CEIP Plurilingüe de Outes |
Outes |
A Coruña |
CEIP Plurilingüe Santa María |
Pontes de García Rodríguez, As |
A Coruña |
CEE Manuel López Navalón |
Santiago de Compostela |
A Coruña |
CEIP de Prácticas López Ferreiro |
Santiago de Compostela |
A Coruña |
Lugo:
CEIP Plurilingüe Monte Baliño |
Pantón |
Lugo |
CPI Dr. López Suárez |
Saviñao, O |
Lugo |
EEI San Roque |
Viveiro |
Lugo |
Ourense:
CEIP Nosa Señora de Xuvencos |
Boborás |
Ourense |
CEIP Plurilingüe do Xurés |
Lobios |
Ourense |
Pontevedra:
CEIP Plurilingüe de Castrelo |
Cambados |
Pontevedra |
CEIP Pérez Viondi |
Estrada, A |
Pontevedra |
CEIP Plurilingüe de Chancelas |
Poio |
Pontevedra |
CEIP de Santiago de Oliveira |
Ponteareas |
Pontevedra |
CEIP Nosa Señora dos Remedios |
Ponteareas |
Pontevedra |
CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro |
Redondela |
Pontevedra |
CEIP Plurilingüe Nº 1 |
Tui |
Pontevedra |
CEIP Illas Cíes |
Vigo |
Pontevedra |
CEIP Plurilingüe Frián-Teis |
Vigo |
Pontevedra |
CEIP A Lomba |
Vilagarcía de Arousa |
Pontevedra |