A Xunta convoca os Plans de formación de profesorado de FP en centros educativos

As liñas prioritarias son a innovación científico-tecnolóxica e a innovación didáctica

A colaboración con empresas nesta e outras convocatorias contribúe a que a FP atenda mellor as necesidades dos sectores produtivos e a favorecer a inserción laboral dos titulados

Sáb, 17/10/2020 - 10:13

A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria de proxectos de formación do profesorado de Formación Profesional neste curso 2020/21 en centros educativos. O obxectivo é favorecer a innovación nesta etapa educativa, ao tempo que se dá resposta ás necesidades de formación continua destes docentes, a través da actualización e o perfeccionamento das súas competencias profesionais.

A convocatoria deste ano dá prioridade aos proxectos de formación do profesorado que se desenvolvan a través de dúas liñas: a innovación científico-tecnolóxica e a innovación didáctica. Deste xeito facilítase a formación e a planificación precisas para poder elaborar os proxectos de innovación para os premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación no ámbito da FP, convocados tamén por esta Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Cómpre salientar, tamén, que tanto esta convocatoria de formación do profesorado como a dos premios aos proxectos de innovación reforza o vínculo entre os centros educativos e o tecido produtivo e empresas, o que repercute positivamente na inserción laboral posterior do alumnado. Ademais, o feito de que as empresas da contorna poidan participar de xeito activo na planificación da formación do profesorado a través desta convocatoria contribúe a que o sistema educativo atenda mellor as necesidades dos diferentes sectores.

Por outra banda, as accións prioritarias desta convocatoria van na liña do obxectivo común formulado polos países da UE no marco estratéxico de educación e formación para 2020: incrementar a creatividade e a innovación, incluído o espírito empresarial, en todos os niveis da educación e da formación; así como mellorar a competencia dixital docente.

Ademais de nas devanditas dúas liñas prioritarias, poderanse presentar proxectos de formación do profesorado arredor da actualización da competencia dixital docentes, do deseño e desenvolvemento curricular no marco do modelo competencia, do plurilingüismo na FP, da organización e xestión, da actualización científica e didáctica do profesorado, da atención á diversidade, convivencia, equidade e igualdade de xénero e da orientación profesional, xestión do talento e emprendemento.

Solicitudes

Poderá participar nesta convocatoria o profesorado de FP dos centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; así como o profesorado destinado noutros centros públicos, sempre que forme parte do cadro de persoal desta mesma Consellería e teña atribución docente nas ensinanzas de formación profesional.

Os proxectos de formación terán unha duración mínima de 20 horas e poderán desenvolverse desde o momento da súa autorización ata o 28 de maio de 2021. O procedemento de solicitude poderá iniciarse a través da aplicación informática FProfe ata o 27 de outubro.