A Xunta deseñará unha formación pedagóxica para casos puntuais de docentes sen Máster do Profesorado

O conselleiro de Cultura e Educación presidiu a reunión do Comité Educativo

Tras abrir o Ministerio esta posibilidade, e aínda que en Galicia neste momento non existen problemas na contratación, o conselleiro explicou que cómpre ser responsables e adiantarnos cunha medida que funcionaría como un plus para manter a calidade do ensino nesta situación excepcional

A iniciativa deseñaríase no Centro Autonómico de Formación e Innovación en colaboración coas Facultades que imparten o máster específico e ten como obxectivo garantir que, no caso de ser necesario contratar persoas que non teñan o máster, estas conten cunha capacitación pedagóxica e educativa

Ven, 25/09/2020 - 14:09
c

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión do Comité educativo, o máximo órgano asesor da Xunta de Galicia neste ámbito no contexto da pandemia, onde propuxo o deseño dunha formación pedagóxica específica para acceder de xeito puntual á docencia sen Máster do Profesorado.

O titular do departamento educativo do Goberno galego expuxo aos membros do Comité os temas abordados onte na Conferencia Sectorial, entre eles a posibilidade de que as Comunidades Autónomas contraten profesorado sen o máster específico. Segundo indicou o Ministerio de Educación, o obxectivo desta excepción é atender ás dificultades que teñen algunhas CCAA para contratar docentes cos que reforzar os seus sistemas educativos no contexto da pandemia. O Ministerio explicou que, deste xeito, se podería contratar persoas que non conten co Máster, sempre que cumpran todos os demais requisitos, e sempre e cando se esgotaran previamente as listaxes de persoas que si teñen esa titulación.

Román Rodríguez explicou que Galicia non ten neste momento problemas para contratar profesorado, dado que os procesos selectivos dos últimos anos e a oferta pública de emprego garanten que hai profesorado ben formado e con coñecementos pedagóxicos. En calquera caso, e dado que podería xurdir ao longo do curso nalgunhas especialidades –fundamentalmente no caso da FP– o conselleiro considerou responsable estar preparados. Neste sentido explicou que a intención da Consellería é que o Centro Autonómico de formación e Innovación (CAFI) empece xa a traballar no deseño desta formación específica, en colaboración coas facultades que imparten o Máster do Profesorado.

Trataríase dunha preparación de curta duración, para que, de ser preciso contratar persoas sen Máster do Profesorado, estas conten cunha capacitación pedagóxica e educativa ad hoc. Unha formación que funcionaría como un plus de garantía de mantemento da calidade do ensino e que estaría pensada para esta situación concreta e vencellada á pandemia.

En calquera caso, a contratación de persoas específicas, no caso de ter que realizarse, sería unha absolutamente excepcional e aplicada no contexto da pandemia, polo que o profesorado ten plenamente garantidos os seus dereitos. As persoas contratadas ao amparo de esta excepcionalidade deberán compaxinar as funcións docentes coa formación propia en ferramentas e estratexias en materia didáctica e pedagóxica.