A Xunta reforza a Educación Infantil e Primaria para o vindeiro curso con 158 unidades máis e a incorporación de 240 novos profesores

O obxectivo é garantir a calidade do ensino e adoptar as medias establecidas no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 para o inicio da actividade lectiva

Mér, 12/08/2020 - 11:01

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de autorizar a creación ou habilitación de 158 novas unidades (grupos de clase) en centros públicos de educación Infantil, Primaria e Educación Especial, o que levará consigo a incorporación de 240 novos mestres o vindeiro curso escolar. Con esta medida, o Goberno galego reforza os medios destinados ao sistema educativo co obxectivo de garantir a calidade do ensino así como cumprir coas medidas establecidas no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 para o inicio da actividade lectiva nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21.

O reforzo no caso da educación secundaria concretarase en setembro, tendo en conta que é nese momento cando se dispón dos datos definitivos logo do peche da matrícula na totalidade dos centros, unha vez rematadas as probas de recuperación.

A estas medidas súmanse outras da consellería como a iniciativa Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de primaria e secundaria (ARCO). Trátase dun instrumento de apoio aos centros para a mellora do rendemento académico que complementa os Contratos-Programa, e que lles permitirá aos centros contar con 543 docentes de apoio contratados no curso 2020-2021 (221 para Primaria e 322 para ESO).

Escolas Unitarias

Así mesmo, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial.

Tendo en conta os datos de matrícula, o vindeiro curso escolar deixarán de prestar servizo educativo 2 escolas unitarias, debido ao baixo nivel de alumnado nestes centros. Trátase, na provincia da Coruña, das EEI de Luaña (Brión, 5 matrículas) e EEI de Comiáns (A Laracha, 5 matrículas). Cómpre sinalar que a Consellería mantén, un ano máis, o criterio de que haxa como mínimo seis alumnos matriculados.

Ademais das unidades que se modifican a través da citada orde (creacións ou supresións), habilitaranse unidades específicas para facilitar o desdobramento de aulas, reforzándose especialmente a dotación de profesorado de cara ao vindeiro curso 2020-2021, para facer fronte á situación creada pola COVID-19 e adoptar deste xeito medidas de prevención e seguridade nas aulas.

Os datos globais das unidades por provincias son os que a seguir se detallan:

Provincia

Balance Creacións/Supresións

Balance

Habilitacións

Totais

A Coruña

+14

+102

+116

Lugo

+6

-3

+3

Ourense

0

+18

+18

Pontevedra

-6

+27

+21

TOTAIS

+14

+144

+158