Educación prevé ter lista para o inicio de curso a rehabilitación enerxética do CEIP Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova)
A conselleira en funcións visitou hoxe o centro
O orzamento da actuación ascende a case 500.000 euros
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional en funcións, Carmen Pomar, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova), onde o seu departamento está a acometer unha obra de rehabilitación enerxética por un importe total de 494.035,55 €. Segundo indicou, a Consellería de Educación prevé ter lista a mellora para o inicio do curso escolar, dado que a obra evoluciona favorablemente e o seu prazo de execución é de 2 meses.
A través desta actuación illarase a fachada polo exterior mediante sistema SATE e colocarase illamento térmico en baixo cuberta ou sobre falso teito, segundo zonas. Ademais instalaranse novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e luminarias de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación e detectores de movemento.
As obras inclúen tamén a revisión, reparación e limpeza de cubertas; a instalación de falsos teitos nas zonas do colexio onde non están instalados, a cubrición de parte do patio norte; a cubrición e execución do cerramento exterior na parte do patio de infantil e a colocación dun pavimento continuo de formigón no patio norte e na parte do edificio de infantil na que se actúa. Así mesmo repararase e pintaranse os paramentos e carpintería interiores e abrillantarase o pavimento de terrazo.
Esta obra enmárcase no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas de Galicia 2016/2021. Cómpre lembrar, ademais, que o orzamento para obras en centros de ensino vese incrementado este ano ao abeiro do Plan de Reactivación do Sector Construción para a mellora dos Centros Educativos, grazas ao que se inxectan 30 millóns máis dos previstos inicialmente, co fin de favorecer a creación de emprego, especialmente entre as pequenas e medianas empresas. Co novo paquete de medidas o investimento elevarase a máis de 51 millóns de euros, e este 2020 realizaranse 535 actuacións de obra e equipamento.
Na provincia de Ourense desenvolveranse máis de 70 actuacións, por importe de máis de 7,3 millóns de euros. Delas, 13 serán grandes obras, entre as que se inclúe esta rehabilitación enerxética do CEIP Plurilingüe Curros Enríquez.