Educación concede o Selo Biblioteca Escolar Solidaria a 10 centros, un recoñecemento do seu traballo a prol da igualdade e a inclusión
Ademais, outros 10 centros foron seleccionados polas súas experiencias na iniciativa Voluntariado de Lectura-A, que ten como obxectivo estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura
Ambas accións forman parte do Programa Bibliotecas Escolares Solidarias, que desenvolve a Consellería de Educación en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder a 10 centros educativos o Selo Biblioteca Escolar Solidaria, mentres que outros 10 foron seleccionados en relación coa iniciativa Voluntariado de Lectura-A, tal e como publica Portal Educativo.
Ambas accións -que a Consellería pon en marcha en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado- están enmarcadas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, no que se inclúen diferentes iniciativas destinadas a promover o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre alumnado e familias, así como a recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas inclusivas que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento.
Selo Biblioteca Escolar Solidaria
O Selo Biblioteca Escolar Solidaria é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas a prol dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento e que propician especificamente valores de xustiza e de solidariedade; que procuran a compensación de desigualdades con fórmulas de aproveitamento dos recursos a través de medidas específicas, de carácter estrutural e sistemático; e que contan con alumnado voluntario e, tamén, con familias colaboradoras da biblioteca, en labores de xestión e dinamización.
Cada centro recibirá un diploma acreditativo ademais dunha asignación de 1.500 euros que deberá ser destinada a actividades da biblioteca escolar relacionadas coa difusión dos Obxectivos da Axenda 2030 da ONU para o Desenvolvemento Sustentable.
Os 10 centros que acadan o selo son:
Centro |
Concello |
Provincia |
CEIP Plurilingüe San Marcos |
Abegondo |
A Coruña |
CEIP Plurilingüe Graxal |
Cambre |
A Coruña |
IES Universidade Laboral |
Culleredo |
A Coruña |
CEIP de San Ramón |
Moeche |
A Coruña |
EEI San Roque |
Viveiro |
Lugo |
CEIP Plurilingüe A Pedra |
Bueu |
Pontevedra |
CEIP Plurilingüe Montemogos |
Bueu |
Pontevedra |
CEIP Pedro Antonio Cerviño |
Campo Lameiro |
Pontevedra |
CEIP Plurilingüe de Chancelas |
Poio |
Pontevedra |
CEIP Seis do Nadal |
Vigo |
Pontevedra |
Voluntariado de lectura-A
No caso da acción Voluntariado de lectura-A, dirixida a alumnado de 5º e 6º cursos de primaria, o obxectivo é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura, favorecendo a formación de actitudes de colaboración e de solidariedade entre o alumnado, especialmente no ámbito cultural. Isto poderá artellarse a través de actividades de colaboración na biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro, e nas que poderán participar, así mesmo, outros sectores da comunidade educativa. No curso 2019/2020 participaron un total de 106 centros.
Cada centro recibirá unha asignación de 600 euros para o desenvolvemento dun obradoiro especializado que deberá versar sobre lectura expresiva, narración oral, escrita creativa, a radio como medio de comunicación, a elaboración de booktrailers, os xogos cooperativos e tradicionais ou a música e danza tradicionais.
Os 10 centros seleccionados polas súas experiencias en relación con este programa son:
Centro |
Concello |
Provincia |
CEIP Salgado Torres |
Coruña, A |
A Coruña |
CEIP de San Ramón |
Moeche |
A Coruña |
CEIP dos Muíños |
Muxía |
A Coruña |
CEIP de Foz nº 1 |
Foz |
Lugo |
CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos |
Monforte de Lemos |
Lugo |
CEIP Plurilingüe Curros Enríquez |
Celanova |
Ourense |
CPI Antonio Faílde |
Coles |
Ourense |
CEIP do Foxo |
Estrada, A |
Pontevedra |
CEP Altamira |
Salceda de Caselas |
Pontevedra |
CEP Pedro Caselles Beltrán |
Tomiño |
Pontevedra |