Educación dota as universidades de 3M € en fondos adicionais para afrontar a adaptación á situación xerada pola covid-19

Cada unha delas poderá administrar este orzamento en función das súas necesidades derivadas da pandemia

Mar, 14/07/2020 - 15:01
covid

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dotará as universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) de 3 millóns de euros en fondos adicionais para afrontar a adaptación no curso 2020/2021 á nova situación xerada pola pandemia da covid-19. Así llelo transmitiu esta mañá o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, ás Xerencias e Vicerreitorías económicas das universidades de Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo).

Cada unha destas tres institucións académicas recibirán unha parte fixa e outra parte variable que se dividirá en función do indicador do coste estándar co que se reparte o fondo estrutural do Plan de Financiamento. Poderán decidir libremente como asignar estes fondos, en función das súas particulares necesidades, e de acordo coa súa autonomía de xestión. En todo caso, o uso dos fondos deberá centrarse en medidas sanitarias, formación e equipamento do persoal, mellora tecnolóxica das instalacións docentes, actualizacións e ampliacións das infraestruturas de soporte á docencia, actuacións sobre a fenda dixital, e apoio a actuacións para docencia mixta.

O obxectivo que persigue a Consellería de Educación con esta transferencia adicional de fondos é que as universidades realicen o inicio de curso con plenas garantías académicas e sanitarias. Tense en conta, ademais, que xa coa suspensión das clases por mor da pandemia o pasado mes de marzo as universidades tiveron que afrontar gastos adicionais centrados arredor de tres eixes: a mellora das infraestruturas TIC e a formación en competencias dixitais do persoal; a colaboración coas autoridades sanitarias entregando material e adaptando laboratorios e produción de artigos útiles para a loita contra a pandemia; e a cobertura da fenda dixital de parte do estudantado universitario.

Instrucións e plans

Cómpre lembrar que, a través das Instrucións de previsión de medidas de adaptación das universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso 2020/2021, a Consellería estableceu uns requisitos mínimos que garantan a calidade da docencia que se vai impartir nos centros docentes universitarios no vindeiro curso 2020-21.

De acordo a elas, e co obxectivo de asegurar o cumprimento dos criterios de calidade, a guía docente de cada unha das materias incluídas no plano de estudos dunha titulación oficial de grao ou máster universitario que se imparta no SUG deberá incluír un apartado denominado “Plano de continxencia”. Nel estableceranse as medidas de adaptación aos distintos escenarios previstos, tanto das metodoloxías docentes como dos sistemas de avaliación.

Ademais, cada universidade deberá elaborar un plan xeral de prevención e control sanitario para a institución, con medidas adaptadas a cada un dos centros, dada a heteroxeneidade dos espazos e das actividades docentes que neles se desenvolven. Unha vez cumpran estes requisitos, os diferentes centros universitarios estarán en condicións de garantir ao persoal e ao alumnado un ambiente seguro desde o punto de vista sanitario e académico.