Educación convoca os premios de excelencia académica ao alumnado de grao das Universidades Galegas
A Consellería destina 512.000 euros a estes galardóns que instaurou por primeira vez o ano pasado co fin de recoñecer o compromiso e esforzo dos estudantes universitarios de Galicia
Premiarase o mellor expediente de cada un dos cursos de grao, agás o último
O ano pasado recibiron este recoñecemento un total de 362 estudantes
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar no Diario Oficial de Galicia os premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivo as mellores cualificacións no curso 2018/19 no Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao, agás o último.
O orzamento total da convocatoria ascende a 512.000 euros (un incremento do 16,4% respecto aos 440.000 da anterior edición) e cada persoa que resulte premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción. Ademais, como novidade este ano, no caso de non esgotarse cos premios o crédito existente, a contía restante repartirase entre os galardoados cunha nota superior ao 9, en contías de 500 euros.
Non será necesario presentar solicitude ningunha xa que serán as universidades quen seleccionen os expedientes académicos das persoas que, superando a totalidade dos créditos correspondentes a un curso académico completo segundo o plan de estudos na primeira convocatoria, obtivesen a maior nota media, sempre superior aos 8 puntos. Nesta ocasión, as universidades dispoñen dun prazo dun mes a partir desta publicación para remitirlle á Consellería a certificación académica do alumnado que opte aos galardóns. Ademais, deberán facer público a través das súas páxinas web a relación de alumnos propostos para os premios.
Concederase un premio por cada titulación oficial de grao ao alumnado que finalizase os estudos de 1º, 2º e 3º curso. Quedan excluídos os de último ano por poderen optar aos premios fin de carreira que tamén convoca a Consellería. Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos de ditas titulacións, estenderase o premio ata o cuarto curso para os graos de 5 anos e ata o quinto curso para o grao de 6 anos.
O obxectivo destes premios é motivar o alumnado universitario para mellorar o seu currículo ao recoñecer a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo e o seu mérito e esforzo no estudo. Neste sentido, a Consellería entende que estimular o aproveitamento académico significa seguir apostando pola construción dun SUG excelente, competitivo e de calidade.
Esta liña de axudas -que a Consellería instaurou por primeira vez o pasado ano- enmárcase, ademais, no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia para o trienio 2018-2020, que lles permitirá dar un novo salto de calidade ás universidades galegas para seguir avanzando nun camiño de vangarda e excelencia.
Estes galardóns fóronlle outorgados por primeira vez o ano pasado a un total de 362 estudantes universitarios (64,4% deles mulleres) polas mellores cualificacións obtidas no curso 2017/18. Os premios de Excelencia Académica veñen completar os Premios Fin de Carreira, que cada ano lles outorga a Consellería aos mellores expedientes dos egresados nas universidades do SUG.