A Xunta prorroga seis meses os contratos dos investigadores Posdoutorais e Predoutorais cuxa actividade se viu interropida pola crise da Covid-19
Esta medida de estabilidade beneficia a un total de 436 investigadores contratados con cargo a convocatorias públicas do Goberno galego, de xeito que todos eles, con independencia do ano en que se formalizase o seu contrato, poidan completar os seus plans de traballo nesta etapa
A Xunta de Galicia vén de prorrogar por un período de seis meses os contratos dos investigadores Posdoutorais e Predoutorais con cargo á convocatoria deste ano, cuxa actividade se viu interrompida pola pandemia da Covid-19 ao pecharen os centros de investigación onde desenvolvían as súas investigacións. Trátase dunha medida de estabilidade que beneficia a un total de 436 investigadores (274 da etapa predoutoral e 162 posdoutorais) contratados con cargo a convocatorias públicas do Goberno galego de xeito que todos eles, con independencia do ano en que se formalizara o seu contrato, poidan completar os seus plans de traballo nesta etapa.
Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, as universidades do Sistema Universitario Galego (SUG), as fundacións de investigación sanitaria, os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia, así como a outros organismos públicos de investigación de Galicia poderán estender seis meses os contratos posdoutorais vixentes no marco das axudas de apoio a esta etapa das consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para o cal habilitaron unha dotación orzamentaria de 3.229.000 euros á maiores dos xa establecidos na convocatoria deste ano.
Igualmente quedan prorrogados tamén os contratos predoutorais da convocatoria deste ano tamén por un período de seis meses, o que supón un desembolso de 3.048.500 euros que se engaden aos xa previstos inicialmente, tal e como recolle o DOG.
Estas prórrogas desenvólvense ao amparo de establecido polo RD 11/2020 do Goberno central que permite ampliar os prazos máximos das modalidades contractuais de investigadores por un período superior ao que fixa a Lei da Ciencia.
Non obstante a Xunta de Galicia mellora de forma substancial a proposta estatal para os contratos de investigación que se xestionan desde o Goberno central, xa que no caso galego, a prórroga afecta a todos os contratos predoutorais e posdoutorais autonómicos, independentemente do ano de desenvolvemento da axuda no que se atopen (no caso estatal é só para os de último ano).