Constituído o comité científico encargado de avaliar a acreditación dos campus para a súa especialización estratéxica

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu a xuntanza co equipo avaliador, constituído por sete expertos externos especialistas en estratexia universitaria

Trátase dun procedemento único no conxunto do Estado, que busca impulsar a investigación, mellorar a docencia e definir a estratexia de futuro dos campus vinculada á súa contorna socioeconómica

Lun, 22/06/2020 - 12:10

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de constituír hoxe o Comité Científico encargado de avaliar o proceso de acreditación dos Campus de Especialización, nunha xuntanza telemática que presidiu a conselleira Carmen Pomar.

Este comité, composto por sete avaliadores externos de recoñecida traxectoria no ámbito da estratexia universitaria e alleos ao Sistema Universitario Galego, iniciarán agora o traballo de análise e supervisión das propostas ás que teñen que someterse as Universidades.

Segundo subliñou a conselleira Pomar, “é un procedemento único no conxunto do Estado” co que se busca mellorar a dinámica de funcionamento futuro dos Campus de Especialización, impulsar o labor de investigación e mellorar a calidade da docencia. “Trátase de poñer en valor os campus, dotándoos dunha identidade propia e en estreita relación co potencial económico e as necesidades da súa contorna máis próxima”, especificou.

O comité está integrado por Clara Eugenia García, conselleira de Ciencia e Innovación e representante permanente de España ante a UE; José García Montalvo, Catedrático de Economía da Universidade Pompeu Fabra, comisionado para a Estratexia Científica e investigador ICREA-Academia; Francisco Gracia, catedrático de Bioloxía Celular da Universidade de Córdoba; Victoria Ley Vega de Seoane, doutora en Bioquímia e Bioloxía Molecular, e responsable da división de Avaliación, Coordinación e Seguimento Científico e Técnico da Axencia Estatal de Investigación (AEI); Juan Ignacio Pérez, catedrático de Fisioloxía na Universidade do País Vasco e director da Cátedra de Cultura Científica desta Universidade; Enric Banda i Tarradellas, director da área de Ciencia, Investigación e Medio Ambiente da Fundación “La Caixa”; e Salvador Carmona, reitor da IE University.

Apoio económico

A acreditación é un proceso aberto no tempo ao que cada universidade se pode presentar cando considere oportuno e que culminará coa sinatura dun convenio economicamente dotado en función da proposta que faga a propia universidade así como do informe dos expertos que participan no proceso.

O “Programa de Especialización dos Campus do SUG” foi lanzado no ano 2013 co obxectivo de promover a especialización e diferenciación dos campus a través da colaboración estratéxica e do aproveitamento das potencialidades económicas das contornas máis próximas. 

Este Programa  permitiu o desenvolvemento de 8 proxectos con distintos graos de evolución que foron os Campus Industrial (Ferrol), Campus Innova e Campus da Sustentabilidade (A Coruña), todos eles da Universidade da Coruña (UDC); o Campus Terra (Lugo) e o da Cidadanía (Santiago), da Universidade de Santiago de Compostela (USC);  e o Vigo Tecnolóxico (Vigo), o Campus Auga (Ourense) e o Campus Crea (Pontevedra), todos eles na Universidade de Vigo (UVigo).

Procedemento

Logo de superada a fase inicial de deseño e posta en marcha dos mencionados campus de especialización, e de abrir o proceso de acreditación no que deben participar todos os campus, o Comité de Avaliación que hoxe quedou constituído será agora o encargado de analizar a documentación remitida polas universidades, manter reunións directas cos responsables dos Campus e elaborar os informes de avaliación correspondentes.

En función de ditos informes a Consellería de Educación -a través da Secretaría Xeral de Universidades- resolverá a concesión da acreditación coa cualificación obtida que poderá ser ben para o período 2019-2022, ben para o período 2019-2021 suxeito a obriga de presentar un informe de progreso intermedio sobre o avance do plan operativo; ou ben que non supera o proceso de acreditación.

Para someterse acreditación cada Universidade deberá achegar documentación específica sobre cada Campus de Excelencia onde se identifique, entre outros, liñas de especialización no ámbito da docencia (relación de títulos de grao, mestrado e doutoramento vencellados directamente a esa especialización), de investigación (relación das estruturas de investigación como grupos, institutos, centros de investigación e outras estruturas supragrupais), ou alianzas estratéxicas con empresas e institucións.

Así mesmo deberán presentar un informe de autoavaliación (que inclúa indicadores sobre organización e gobernanza, estratexia, docencia, investigación, interacción co tecido produtivo e información pública e transparencia), un plan operativo e un plan de viabilidade económica para o período 2019-2022.