A Consellería de Educación cede, con carácter temporal, unha aula para acoller ao alumnado da escola infantil da Merca

O conselleiro e o alcalde da localidade ourensá veñen de asinar un convenio de colaboración para ubicar os nenos no CEIP Joaquina Gallego Jorreto

Deste xeito a Consellería de Traballo e Benestar poderá desenvolver os traballos para a apertura dunha nova Galiña Azul no concello

Mar, 30/08/2011 - 10:00

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria vén de asinar un convenio de colaboración co alcalde do concello ourensán da Merca, Manuel Jorge Velo Reinoso, para o uso temporal dunha aula no CEIP Joaquina Gallego Jorreto.

Deste xeito o colexio do municipio acollerá ás alumnas e alumnos da escola infantil do municipio mentres a Consellería de Traballo e Benestar realiza os traballos necesarios para a apertura dunha nova Galiña Azul na Manchica, no concello da Merca, unha infraestrutura que foi licitada en abril.

Ao abeiro deste convenio, o CEIP Joaquina Gallego Jarreto contará cunha aula axeitadamente habilitada para dar cabida aos alumnos de 0 a 3 anos durante o período de tempo que duren as obras de mellora do centro infantil.

Deste xeito, a Consellería, da resposta ás necesidades do alumnado da escola infantil,  evitando traslados innecesarios entre os escolares da zona. Así mesmo, evítase ter que tomar medidas que poidan afectar ao normal desenvolvemento das actividades lectivas do alumnado.