A Xunta abre a convocatoria do programa Educación Responsable para o desenvolvemento da educación emocional
Conta coa colaboración da Fundación Botín
A implantación do programa terá unha duración de tres cursos
O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de xullo
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a convocatoria do programa Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, para o curso 2020/21, que se realiza en colaboración coa Fundación Botín. A iniciativa, á que se poderán incorporar este ano 10 centros de ensino, é unha proposta para tres cursos, co fin de que os centros e os seus docentes implanten o programa formando parte da rede de Centros Educación Responsable da Comunidade Autónoma Galega, recibindo formación, recursos educativos e seguimento por parte tanto da Consellería como da Fundación. Este curso participaron neste programa un total de 52 centros de toda Galicia.
Poden participar nesta convocatoria os centros docentes públicos que imparten ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria (ESO) e formación profesional básica (FP básica). O obxectivo é promover o desenvolvemento saudable do alumnado, a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias, favorecendo o desenvolvemento da educación emocional, social e creativa para acadar un maior benestar persoal, social e laboral. Así mesmo a iniciativa procura contribuír á mellora do clima de convivencia no centro docente e ao éxito escolar do seu alumnado. O prazo de presentación de solicitudes remata o día 12 de xullo de 2020.
Fases
Os centros que se unan ao programa farano a través da participación na convocatoria dos Proxectos de Formación en Centros (PFPP) e na liña 6 dos Contratos-Programa, EDUEMOCIONA. Educación Responsable desenvolverase nos centros educativos ao longo de tres cursos escolares.
No primeiro ano de funcionamento o profesorado que compoña o Equipo de Educación Responsable coñecerá as ferramentas didácticas propias da educación emocional, formarase e aplicará as actividades do programa na aula.
Na segunda fase, de expansión, que se desenvolverá no ano académico 2021/22, o centro participante asumirá este programa como unha liña prioritaria dentro do seu Proxecto educativo. Con este obxectivo, os responsables de recursos de Educación Responsable forman ao resto dos docentes programando e aplicando as actividades de forma colaborativa, estendendo o programa a un maior número de alumnado.
A fase de consolidación, no curso 2022/23, ten como obxectivo que o centro docente utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado. Para iso, será necesario que a maioría dos docentes do centro docente incorporen nas súas programacións de aula actividades do programa de Educación Responsable e que se aplique a totalidade dos recursos do programa coa maior parte do alumnado.
Os centros que cumpran os obxectivos establecidos no programa serán acreditados e pasarán a formar parte da Rede de Centros do Programa de Educación Responsable. A solicitude de participación realizaraa a persoa encargada da dirección do centro docente, segundo os requirimentos especificados na convocatoria.