Educación convoca para o martes a mesa sectorial na que se abordará o calendario escolar do curso 2020/2021
Segundo a proposta enviada hoxe ás organizacións sindicais, o inicio de curso está previsto para o 10 de setembro en 2º ciclo de infantil, primaria e educación especial, e para o 16 en ESO, Bacharelato e Formación Profesional
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional envioulles hoxe aos sindicatos a proposta de calendario escolar para o vindeiro curso 2020/21 nos centros educativos sostidos con fondos públicos, que se analizará o vindeiro martes na mesa sectorial do ensino non universitario. O borrador non contén modificacións significativas respecto de anos anteriores.
Segundo o documento remitido hoxe, para o alumnado matriculado en 2º ciclo de infantil, en primaria e en educación especial as clases comezarán o 10 de setembro de 2020 e rematarán o 22 de xuño de 2021; mentres que para os matriculados en ESO, Bacharelato, e Formación Profesional o inicio de curso será o 16 de setembro e se prolongará ata o 22 de xuño de 2021. Nas ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas realizaranse entre os días 16 de setembro de 2020 e 30 de xuño de 2021, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.
Así mesmo establécense como períodos de vacacións Nadal (desde o 23 de decembro de 2020 ata o 7 de xaneiro de 2021, ambos inclusive); Entroido (os días 15, 16 e 17 de febreiro de 2021) e Semana Santa (desde o 27 de marzo ata o 5 de abril de 2021). Tampouco serán días lectivos os declarados festas de ámbito estatal e os festivos oficiais da Comunidade Autónoma, así como o Día do Ensino, que se celebrará o 7 de decembro de 2020.
O borrador de Orde tamén recolle o calendario para o funcionamento dos comedores escolares dos centros públicos, que en Educación Primaria funcionarán desde o 10 de setembro de 2020 ata o 22 de xuño de 2021; e en ESO desde o 16 de setembro de 2020 ata o 22 de xuño de 2021.