O conselleiro de Educación comproba as melloras realizadas en dous centros educativos dos concellos da comarca do Salnés

Vázquez Abad visitou o IES de Sanxenxo para dar conta das obras executadas

Asemade no CEIP Rosalía de Castro recordou que está prevista unha inversión de máis dun millón de euros na remodelación do centro, no que xa se levan investidos 185.000 na primeira fase

Un total de 600 alumnas e alumnos sairán beneficiados das actuacións realizadas en ambos centros

A Consellería investiu nas obras de mellora e reparación dos centros educativos dos concellos de Sanxenxo e O Grove máis de 680.000 euros no que vai de lexislatura

Ven, 26/08/2011 - 13:25
O conselleiro de Educación comproba as melloras realizadas en dous centros educa
O conselleiro de Educación comproba as melloras realizadas en dous centros educativos dos concellos da Comarca do Salnés

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou durante a mañá de hoxe o IES de Sanxenxo e o CEIP Rosalía de Castro – O Grove-, coa fin de comprobar o estado dos centros tras os traballos de mellora realizados en ambos. Deste xeito Vázquez Abad reafirma o compromiso do departamento que dirixe coas comunidades educativas de Sanxenxo e O Grove, en cuxos centros de ensino a actual Consellería leva investidos máis de 680.000 euros. Un investimento referido so ao das obras de mellora e reparacións, unhas partidas ao marxe das necesarias para o Plan de Mellora de Bibliotecas, proxecto Abalar e outros proxectos educativos levados a cabo nos colexios e institutos.

Durante a visita ao IES de Sanxenxo o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares; e a directora do centro, Mª Ángeles Aramburu Núñez. Durante o percorrido polo centro Vázquez Abad comprobou as obras e melloras realizadas no centro por valor de preto de 106.000 euros. O conselleiro destacou a participación deste instituto no Proxecto Abalar desde o pasado curso, cando se implantou en 1º da ESO, e lembrou que este ano o proxecto tamén chegará aos estudantes de 2º da ESO.

No relativo ás obras do instituto cómpre sinalar que ditos traballos consistiron en mellorar o sistema de calefacción do centro, realizar a reposición do pavimento do ximnasio e dotalo de illamento adecuado. Deste modo, os 269 alumnos e alumnas do centro poderán iniciar o vindeiro curso académico nas mellores condicións posibles. Ademais desta inversión en infraestruturas, o centro continuará dentro do chamado Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, polo cal unha cantidade de 29.420 euros xa foi destinada a potenciar a lectura entre o alumnado.

Melloras no Grove

Posteriormente Vázquez Abad achegouse ao CEIP Rosalía de Castro, no Grove. Alí, e acompañado polo xefe territorial e o director do centro, Alfonso Abel Souto, percorreu as instalacións do colexio no que se está realizando unha reforma integral.

Así o colexio, edificado nos anos sesenta, será sometido a unha obra valorada en máis dun millón de euros, que se realizará en tres fases, debido á importante inversión que supón e co propósito de non interferir nos desenvolvemento do curso escolar.

Tal e como explicou Vázquez Abad, as melloras realizaranse durante o período estival co obxectivo de non interferir no desenvolvemento habitual das clases durante o curso escolar. Deste xeito ao longo deste verán xa se realizou a primeira fase da obra, valorada en máis de 185.000 euros. E segundo recordou o conselleiro as melloras foron relativas á reforma da sala de caldeiras, así como ao sistema de calefacción; a adecuación á normativa vixente da instalación eléctrica; obras de retellado e instalación dunha nova rede de saneamento e fontanería.

As obras continuarán o vindeiro verán coa remodelación da fachada e da carpintaría exterior, e no 2013 están previstos os arranxos do ximnasio.

Ademais, este centro tamén está a recibir o apoio da Consellería para o fomento da lectura entre os seus 331 alumnos,a  través do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, no marco do cal levan percibido 18.000 euros.

Compromiso da Consellería

Ao longo das dúas visitas do día de hoxe o conselleiro achegouse á realidade dos centros da comarca do Salnés. Asemade o conselleiro reiterou o seu agradecemento aos docentes do ensino público galegos pola súa profesionalidade, sen a que non sería posible formar dun xeito adecuado as vindeiras xeracións. A Consellería continúa a esforzarse para dotar ao alumnado e profesorado de Galicia das infraestruturas e medios mais axeitados para desenvolver as actividades educativas no mellor marco posible, aspirando sempre a excelencia no ámbito da educación e formación.