A Consellería de Educación comezará en outubro a redacción do proxecto de construción do novo colexio de Oleiros
O secretario xeral técnico da Consellería reuniuse hoxe co alcalde da localidade coruñesa para informalo sobre os avances nesta materia
Está previsto licitar as obras no segundo trimestre de 2012
Os orzamentos do vindeiro ano contemplarán unha dotación para a edificación deste centro
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comezará o vindeiro mes de outubro a redacción do proxecto para a construción dun novo colexio no concello coruñés de Oleiros. Así llo comunicou esta mesma mañá o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, ao alcalde do municipio, Ángel García Seoane, nun encontro mantido en San Caetano para abordar os avances nesta materia.
Tal e como transmitiu o secretario xeral técnico ao rexidor, o departamento educativo da Xunta de Galicia está a traballar para que no mes de outubro se comece coa redacción deste proxecto. O obxectivo é poder licitar as obras no segundo trimestre do ano 2012.
Doutra banda, o secretario xeral técnico informou ao alcalde de que nos orzamentos que se están a preparar para o 2012 haberá unha dotación presupostaria para facer fronte a estas obras.
Deste xeito a Consellería de Educación confirma o seu compromiso coa comunidade escolar do concello de Oleiros, a través da construción dun novo centro de educación infantil e primaria na parroquia de Nós, dando así resposta ás necesidades de escolarización do municipio.