O conselleiro de Educación da conta das melloras realizadas en dous centros educativos da Pobra do Caramiñal
Xesús Vázquez Abad visitou hoxe a Escola Infantil Fernández Varela e o CEP Pilar Maestu Sierra
A Consellería leva invertido preto de 380.000 euros na mellora dos centros educativos do concello no que vai de lexislatura
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá a Escola de Educación Infantil Fernández Varela e máis o CEP Pilar Maestu Sierra para comprobar o estado dos traballos de mellora realizados en ambos os dous centros de ensino do concello da Pobra do Caramiñal.
Acompañado pola xefa territorial de Educación, María Teresa Villaverde Pais, e pola directora do centro,Mª Josefina Pacheco Etchevers, Vázquez Abad percorreu as instalacións da EEI Fernández Varela. Alí o conselleiro puido comprobar o estado das obras realizadas no centro por valor de 50.000, coa fin de repor a cuberta do mesmo e acondicionar as instalacións para o vindeiro curso educativo, beneficiando aos seus 104 alumnos. Ademais, o centro continuará a beneficiarse do Plan de Mellora de Bibliotecas escolares coa fin de fomentar a lectura entre o alumnado, ao que a Consellería destinou xa 13.700 euros
Vázquez Abad, tamén se achegou ao CEP Pilar Maestu Sierra, onde mantivo un encontro co seu director, Xosé Vicente Vázquez Arias. Durante o seu percorrido polo colexio, que presta servizo a 84 alumnos, o conselleiro deu conta das obras de mellora das instalacións de fontanería do centro, que supuxeron un investimento de máis de 28.000 euros.
Grazas a estas accións, o vindeiro curso académico un total de 188 alumnos, pertencentes a ambos centros poderán gozar de instalacións en óptimas condicións.
Compromiso co concello
Con esta visita a Consellería reafirma o seu compromiso coa Pobra do Caramiñal. Dende os comezos da lexislatura, o departamento de Xesús Vázquez Abad leva invertidos preto de 380.000 euros na mellora e acondicionamento dos centros de ensino públicos deste concello coruñés.
Aproveitou a ocasión para agradecer o esforzo do profesorado galego, sen o cal sería imposible acadar bos resultados no ámbito educacional, aspirar a excelencia e permanente mellora do sistema educativo para dar a mellor formación posible ao conxunto do alumnado de Galicia e garantir o futuro de todos.
Doutra banda, o conselleiro lembrou a participación dos centros da comarca do Barbanza nos proxectos máis novidosos da Consellería. De feito, outro dos centros de ensino do concello, o IES da Pobra do Caramiñal, forma parte do Proxecto Abalar. En total son 5 os centros de ensino da comarca integrados nesta iniciativa posta en marcha coa finalidade de lograr a plena integración do sistema educativo galego na nova realidade tecnolóxica. O vindeiro curso, e por levaren integrados no proxecto desde o 2010/2011, estes centros duplicarán as súas aulas Abalar para continuar co desenvolvemento do proxecto nos cursos implicados.
Cómpre ademais lembrar a incorporación o vindeiro curso académico á Rede de Centros Plurilingües de 3 centros de ensino da comarca do Barbanza. Estes centros uniranse ao CEIP O Grupo, de Ribeira, que se integrou nesta iniciativa o pasado curso, e que este ano estenderá as súas accións a 1º e 2º de primaria.