Carmen Pomar destaca no IES Sánchez Cantón o esforzo de toda a comunidade educativa neste período excepcional

Xov, 04/06/2020 - 13:08
SC

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o IES Sánchez Cantón, na cidade do Lérez, onde destacou o esforzo que o conxunto da comunidade educativa realizou e continúa a facer nestas circunstancias excepcionais ocasionadas pola covid-19. Neste sentido salientou o traballo realizado por docentes, estudantes, equipos directivos e familias para continuar coa actividade lectiva desde os seus fogares, nunha situación que nunca antes se producira.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia visitou no centro o alumnado de 2º de Bacharelato que decidiu voluntariamente incorporarse ás clases presenciais desde o pasado 25 de maio, aproximadamente o 45%. Tanto a eles como aos seus compañeiros que continúan estudando desde a casa animounos a dar o mellor de si mesmos nestas últimas semanas de curso, que culminan o esforzo e traballo realizado no instituto nos últimos anos e que será determinante para o seu futuro. 

A conselleira realizou tamén un percorrido polas instalacións do centro onde comprobou a adaptación dos espazos ao protocolo sanitario.

Declaracións da conselleira