O conselleiro de Educación da conta en Campo Lameiro das melloras para o vindeiro curso no CEIP Pedro Antonio Cerviño
Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o centro, en cuxa reforma eléctrica se investiron preto de 51.000 euros
Posteriormente achegouse ata o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre do concello
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Pedro Antonio Cerviño, en Campo Lameiro, onde deu conta do desenvolvemento das melloras que se están a realizar no centro de cara ao vindeiro curso escolar.
Acompañado polo xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares, e polo director do centro, Aurelio Tirso Justo Cerviño, Vázquez Abad explicou que a Consellería está a investir preto de 51.000 euros para a reforma da instalación eléctrica deste colexio, “co fin de que os seus 97 estudantes dispoñan das mellores condicións no seu centro no comezo do ano académico”.
Vázquez Abad recordou o compromiso do departamento que dirixe con este centro, a través de programas como o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, para cuxo desenvolvemento leva recibidos 4.450 euros.
Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou a acollida que están a ter os programas e plans punteiros da Consellería, tales como o Abalar e o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, nos centros educativos desta comarca de Pontevedra. Non en balde 12 deles contarán no 2011/2012 con aulas Abalar, 6 deles – os xa integrados no 2010/2011- duplicándoas no seu segundo ano de funcionamento, mentres que os outros 6 son de nova incorporación. Ademais, 3 dos centros da comarca pertencen á Rede de Centros Plurilingües, un deles de nova incorporación para este curso que vai comezar.
Actuacións en centros educativos
Con estas visitas o conselleiro de Educación segue a percorrer os centros educativos galegos para coñecer de preto as melloras que se están a desenvolver neles, así como as súas necesidades.
Da mesma forma estes encontros serven para que os representantes da Consellería se acheguen ás comunidades educativas de cada un dos colexios e institutos, reafirmando así o seu apoio a colectivos como o do profesorado, cuxa profesionalidade e dedicación son os ingredientes fundamentais para construír un sistema educativo de calidade en Galicia.
Tras o seu paso polo colexio, o conselleiro achegouse ata o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, acompañado polo alcalde do concello, Julio Sayán, quen tamén estivo no CEIP.