Educación convoca as probas de acceso ao curso 20-21 para as ensinanzas profesionais de música e danza para xuño e en modo non presencial con carácter xeral
Respecto ás probas de acceso ás ensinanzas artísticas superiores, á falta de pechar e publicar a vindeira semana a convocatoria, a Consellería traballa coa previsión de que se celebren o 13 de xullo, e unha vez rematadas as probas da Abau como é habitual todos os anos
As datas de celebración foron acordadas cos centros, que están informados dos procesos
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar as probas de acceso ao curso académico 20-21 nos graos elemental e profesional das ensinanzas de música e de danza para o vindeiro mes de xuño, tal e como se pode consultar no Portal Educativo.
No que atinxe ao acceso ás ensinanzas artísticas superiores (Conservatorios superiores de música, Escolas de arte e superiores de Deseño, Escola superior de Arte Dramática de Galicia e Escola superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia), á falta de pechar e facer pública a convocatoria a vindeira semana, a Consellería establece que a data das probas de acceso será o día 13 de xullo. Deste xeito, no caso das ensinanzas artísticas superiores as probas terán lugar, como é habitual todos os anos, logo da celebración das probas de acceso á universidade (Abau), previstas para os días 7, 8 e 9 de xullo en convocatoria ordinaria.
Estas convocatorias foron consensuadas cos centros educativos, polo que están informados da previsión das probas que agora se están pechando.
Música e de danza
Como se recolle na resolución publicada hoxe, con carácter xeral, a proba de acceso ao primeiro curso do grao profesional de música e de danza desenvolverase a través da modalidade non presencial, agás nos casos que, debido á tipoloxía dos instrumentos ou ás características específicas da proba, esta deba realizarse de xeito presencial. Para a correcta aplicación da modalidade non presencial poderanse utilizar os medios telemáticos dispoñibles a través das diferentes aplicacións ou plataformas dixitais.
O prazo de inscrición para as probas de acceso ao primeiro curso do grao profesional será entre o 1 e o 10 de xuño, ambos os dous incluídos. Os conservatorios profesionais de música e de danza, así como os centros autorizados, establecerán un procedemento para que as persoas interesadas poidan inscribirse a través de medios telemáticos ou de calquera xeito que estableza o centro educativo e que non implique o acceso ao interior do mesmo.
A partir do 15 de xuño, os centros poderán organizar as probas para aqueles aspirantes que, excepcionalmente, teñan que comparecer de xeito presencial.
A proba de acceso ao primeiro curso do grao elemental desenvolveranse a partir do 1 de setembro, e de acordo cos calendarios específicos a tal efecto elaborados polos centros. Cada centro educativo establecerá o prazo de inscrición para estas probas de acceso, prazo que deberá circunscribirse ao mes de xuño.
Medidas de seguridade
Para as probas presenciais deberán respectaranse todas as medidas de prevención e hixiene recollidas na Resolución, do 22 de maio de 2020, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019-2020, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da consellería ou calquera outra medida establecida para os centros educativos