A Consellería de Educación impulsa a excelencia nos conservatorios de música e danza dotándoos dun marco regulamentado para o seu funcionamento

Desta forma facilítase a súa organización académica para a consecución dos seus obxectivos

Os conservatorios elaborarán un programa anual de formación do profesorado en relación ás novidades educativas

Lun, 22/08/2011 - 11:45

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dotará aos conservatorios de música e danza dun marco para o desenvolvemento das súas funcións, a través da orde pola que se desenvolve o regulamento orgánico destes centros (ROC), como ferramenta para promover a excelencia nestas ensinanzas.

Deste xeito complétase o proceso polo que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad dotou por primeira vez a estes centros dun regulamento específico para o seu funcionamento. Cómpre sinalar que os ROC establecen un marco de organización diferenciado dos centros docentes que imparten ensinanzas de réxime xeral, dando resposta a unha necesidade plantexada en numerosas ocasións polas comunidades educativas deses centros, e veñen a substituír ás circulares de carácter transitorio, modo no que se viña operando ata o momento.

Pautas de funcionamento

A orde para o desenvolvemento do ROC de conservatorios de música e de danza constitúe un marco referencial para a súa organización e funcionamento, co fin de facilitarlles unha mellor organización académica para a consecución dos seus obxectivos.

Neste sentido, a orde establece pautas para a elaboración da programación xeral anual destes centros, no que atinxe aos obxectivos, ás medidas para acadalos e á organización dos recursos dos conservatorios.

Ademais, o texto establece a necesidade de que estes centros elaboren un programa anual de formación do profesorado en relación a novidades educativas, tecnolóxicas e de innovación, e un programa  de promoción da lingua galega. Na mesma liña, fíxanse as pautas para a elaboración dun programa anual de actividade culturais e de promoción das ensinanzas, tanto no horario lectivo como fóra del.

Doutra banda queda recollida instrucións para que os conservatorios de música e danza realicen unha xestión sostible dos seus recursos, tanto materiais como humanos.