Educación dota ás escolas de arte e superiores de deseño dun marco para o seu funcionamento e consecución de obxectivos

Deste xeito favorécese a inserción laboral dos seus titulados, a través da mellora da relación destas escolas cos ámbitos produtivos

A Consellería establece ademais pautas para a xestión da calidad ee a innovación nestas escolas

Sáb, 20/08/2011 - 12:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dotará ás escolas de arte e superiores de deseño  e aos centros autorizados de artes plásticas e deseño dun marco referencial para a súa organización e funcionamento, co fin de facilitarlles a consecución dos seus obxectivos, grazas a orde para o desenvolvemento do regulamento orgánico destes centros.

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia completa o procedemento polo que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad dotou a estas escolas por primeira vez dun regulamento orgánico (ROC) que prevé as súas especificidades.

Coa orde de desenvolvemento do ROC a Consellería quere ademais mellorar as relacións destas escolas cos ámbitos produtivos coas que están relacionadas, de tal forma que se favoreza a inserción laboral dos seus titulados e a formación ao longo da vida dos profesionais destes sectores.

Neste sentido estes centros deberán establecer un programa anual de formación do profesorado en relación a novidades educativas, tecnolóxicas e de innovación, sistemas e procedementos TIC, procedementos de xestión, estadías formativas do profesorado, orientación profesional ou calquera outra actividade formativa relacionada co mundo das ensinanzas artísticas.

Departamentos

Doutra banda, a orde establece os departamentos que se poderán constituír nestas escolas, nomeadamente os referidos ás ensinanzas de grao en deseño de interiores, deseño gráfico, deseño de moda e deseño de produto; así como aos ciclos das distintas familias profesionais de artes plásticas, como son as artes aplicadas da escultura, xoiaría artística e cerámica artística, etc.

Cada un destes departamentos contará con programacións específicas, nas que concretarán as actividades a desenvolver segundo as liñas de actuación establecidas nos correspondentes plans anuais de cada unha das áreas funcionais. Así mesmo as escolas deberán contar cun plan de autoprotección no referido ás materias de saúde e seguridade.

A elaboración de regulamentos orgánicos para as escolas de arte e superiores de deseño e da orde para o seu desenvolvemento era unha tarefa pendente desde a publicación da LOE en 2006, que a actual Consellería desenvolve no marco do seu compromiso coas ensinanzas artísticas.