O conselleiro de Educación da conta da evolución das obras do plan director do IES Rosalía de Castro
Xesús Vázquez Abad percorreu esta mañá o instituto compostelán, no marco das visitas que está a realizar ás instalacións de centros educativos galegos
A Consellería leva investidos máis de un millón cen mil euros nas obras de mellora para o mantemento deste centro
O instituto incorporarase o vindeiro ao Proxecto Abalar, grazas ao que o alumnado de 1º da ESO disporá de cadanseu ordenador ultraportátil na aula
Vídeo do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez abad, na súa visita ao IES Rosalía de Castro
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o IES Rosalía de Castro para dar conta da evolución das obras que se están a desenvolver neste instituto compostelán no marco do Plan Director para mellorar as súas instalacións.
Durante o seu percorrido polo instituto, no que estivo acompañado por membros da comunidade educativa, Vázquez Abad destacou a importancia do investimento que a Consellería de Educación está a realizar para devolver o esplendor orixinal a este centro, uns traballos cuxo importe total ascendeu ata o ano pasado a 785.333 euros, aos que se engadiron máis de 115.000 euros nas instalacións de emerxencias, que unidos ao investimento de 235.000 euros correspondentes a esta terceira fase de remodelación da estrutura da cuberta, superan o 1.135.000 euros.
Remodelación
Na visita de hoxe o conselleiro comprobou a evolución das obras de remodelación da fachada, así como a reparación que se está a realizar nos teitos das aulas. Cómpre recordar que estás obras de remodelación engádense ás rematadas hai seis meses, e que afectaron a unha aula de 2º de bacharelato, outra de 4º de ESO e a de plástica, empregada por todos os estudantes. Estes espazos foron reformados para que recuperasen o seu aspecto orixinal, de tal forma que se poden ver as vigas de preto de 400 anos, pintadas de branco, do mesmo modo que se encontraban no seus principios.
Con esta obra continúase co traballo iniciado no 2009, cando se rehabilitou o claustro e o artesoado orixinal deste edificio, que data do século XVII, e que parte dunha construción cadrada desenvolvida en plantas baixa e alta, dispostas arredor do claustro interior de 25 metroscadrados.
Con estas obras, explicou o conselleiro, “dáse resposta ás necesidades de mantemento de centros tan especiais como este, que forma parte do patrimonio tanto educativo como cultural de todas as galegas e galegos”
Abalar e plurilingüismo
Por outra banda, Vázquez Abad valorou o esforzo do IES Rosalía de Castro por se manter na vangarda educativa, ao solicitar e desenvolver os plans desenvolvidos pola Consellería de Educación para a mellora do ensino en Galicia. Neste punto o conselleiro recordou que este instituto se incorporará o vindeiro curso ao proxecto ABALAR, grazas ao que as alumnas e alumnos de 1º da ESO contarán con cadanseu ordenador ultraportátil para o seu uso na aula, ademais de incorporar as novas tecnoloxías ao ensino a través do encerado dixital.
Ademais, durante o curso 2011/2012 o Rosalía de Castro traballará por segundo ano consecutivo como centro plurilingüe, o que permitirá ao alumnado de 1º e 2º da ESO mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras. Nesta mesma liña o centro contará con unha sección bilingüe coa que os estudantes de Formación Profesional mellorar os seus coñecementos de inglés.