A Consellería de Educación homoxeneizará por primeira vez os criterios para o funcionamento das Escolas Oficiais de Idiomas
Deste xeito promóvese a excelencia nestes centros educativos
Ademais regúlase a oferta educativo e os cursos de actualización e especialización que se imparten nestas escolas, co fin de mellorar as competencias lingüísticas das galegas e galegos
As Escolas Oficiais de Idiomas (EEOOII) de Galicia contarán por primeira vez a partir do vindeiro curso cuns criterios homoxéneos e regulamentados de funcionamento, ao abeiro da orde pola que se desenvolve o regulamento orgánico destes centros (ROC), que vén de elaborar a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Deste xeito, dáse un paso máis no compromiso que mantén o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad con estes centros de ensinanza de idiomas, que xa se manifestou ao dotalos, por primeira vez, dun regulamento específico para o seu funcionamento. Cómpre sinalar que os ROC establecen un marco de organización diferenciado dos centros docentes que imparten ensinanzas de réxime xeral, dando resposta a unha necesidade plantexada en numerosas ocasións polas comunidades educativas das EEOOII.
Mellora da calidade
A orde completa e favorece o seu papel de ferramenta para promover a excelencia nas EEOOII. Así, establécense criterios homoxéneos para todas as Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia, que veñen a substituír ás circulares de carácter transitorio, polas que se viñan organizando ata o momento.
A través da devandita orde regúlanse aspectos como o proxecto educativo e de xestión, a programación xeral anual do centro, o horario de profesorado e alumnado así como o acceso ás ensinanzas impartidas nestes centros.
Ademais, contémplase a tipoloxía da oferta educativa, na que se establecen cursos ordinarios, ben sexan anuais, intensivos ou de nivel integrado – para o ensino de galego, castelán e portugués-, así como ensinanzas semipresencial e a distancia.
Doutra banda regúlanse os cursos de actualización e especialización. Nesta categoría contémplanse os de formación do profesorado, tanto de actualización lingüística e comunicativa como calquera outro para completar a súa preparación; os obradoiros de reforzo e destrezas comunicativas, e os cursos para colectivos profesionais e público en xeral, cunha organización modular de 30, 60 ou 120 horas.