O conselleiro comproba o resultado das obras de mellora do CEIP Salgado Torres, na Coruña

Un total de 321 alumnos beneficiaranse o vindeiro curso das obras de reacondicionamento

Educación ven de realizar accións de reforma e mellora nas instalacións de diversos centros educativos na cidade da Coruña

Xov, 18/08/2011 - 12:04

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Salgado Torres no concello da Coruña para comprobar as obras de mellora realizadas no centro, valoradas en preto de 45.000 euros co fin de acondicionar as instalacións para o próximo curso

Xunto a co conselleiro visitaron as instalación o director xeral de Educación, Jose Luis Mira; a xefa territorial de Educación en A Coruña, María Teresa Villaverde; o director, José Fidel Balseiro Goméz; a xefa de estudos, Rosa Mª Montoro Meda e o presidente da ANPA Avantar, José Antonio Deibe Sánchez.

Todos eles revisaron o resultado das obras de mellora e acondicionamento xeral realizadas no centro que incluíron a construción de diversas ramplas, instalación de varandas, unha marquesiña, reposición de pavimentos, saneamento dos sumidoiros e dotación de alumeado ao patio cuberto.

Cómpre recordar que desta obra beneficiaranse ás 321 alumnos e alumnas e a toda a comunidade educativa do CEIP Salgado Torres, que tamén se está a beneficiar da súa participación no Plan de Mellora de Bibliotecas, a través do que xa percibiron máis de 17.000 euros.

Estas melloras engádense ás realizadas por Educación en distintos centros educativos da cidade de A Coruña, así xa se rematou a reforma integral do CEIP Montel Touzet, estase a mellorar o Zalaeta, traballase na ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán. Ademais tamén se melloraron as instalación do IES Salvador de Madariaga e da Escola Oficial de Idiomas.

Melloras en centros

Con este tipo de accións a Consellería persegue a mellora dos centros educativos galegos, dotando a estes do material e infraestruturas necesarias para que, tanto profesorado coma alumnado, poida desenvolver o vindeiro curso as súas actividades nas mellores condicións posibles.

O conselleiro segue a dar conta do seu interese polo estado das instalacións educativas da provincia, posto que ter uns centros en perfectas condicións e atender as demandas dos membros da comunidade educativa é esencial para ter unha educación de calidade. Cómpre lembrar que o pilar esencial para lograr a excelencia educativa é o profesorado galego, sen a súa profesionalidade e compromiso constante é imposible lograr a formación plena das novas xeracións.