As bibliotecas escolares fomentan a lectura entre os máis novos durante o verán

Son cada vez máis numerosas as bibliotecas que prestan lotes de libros para as vacacións aos distintos membros da comunidade educativa

O Plan LÍA, impulsado pola Consellería de Educación, favorece o aproveitamento dos recursos das bibliotecas dos centros

Dom, 14/08/2011 - 12:31

Declaracións do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal

As bibliotecas escolares fomentan a lectura entre os máis novos durante o verán
As bibliotecas escolares fomentan a lectura entre os máis novos durante o verán

Malia que o verán xa chegou e nos colexios e institutos xa comezaron as vacacións, os rapaces galegos non deixaron esquecidas as súas lecturas nos pupitres. Nos últimos días de curso, as bibliotecas escolares rexistraron un alto número de peticións de libros para levar para a casa no verán, o que confirma que a estratexia de fomento do hábito lector que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver no marco do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe está a dar os seus froitos.

Un dos obxectivos deste plan é incentivar o uso das bibliotecas escolares e os seus recursos por parte das comunidades educativas. Así, cada vez son máis numerosas as bibliotecas que prestan lotes de libros para as vacacións aos distintos membros desas comunidades, ben sexan alumnas e alumnos, pais e nais, mestres... Desta forma favorécese fundamentalmente que os estudantes non perdan no verán o hábito lector que se fomenta durante todo o curso ao abeiro do Plan LÍA a través de diferentes iniciativas de animación á lectura.

O plan de mellora de bibliotecas escolares, incluído no Plan LIA, é a acción a través da cal os centros educativos veñen poñendo en valor o uso da biblioteca como espazo educativo ao servizo dos procesos de ensinanza e de aprendizaxe, un centro de recursos da información que pon a disposición da comunidade educativa os fondos documentais existentes no centro, en soporte impreso, audiovisual ou electrónico.

Orientación e colaboración

Son xa numerosos os blogues de bibliotecas escolares de toda Galicia nos que se ofrecen recomendacións de lecturas para o verán, tanto para os estudantes de primaria como para os de secundaria. Esta función de orientación da lectura que están a desenvolver as bibliotecas e os profesionais que as están a coordinar, ponse de manifesto, nestes días, a través das guías de lectura, boletíns de recomendacións e outras publicacións en papel e en internet, e das que algunhas poden consultarse no enlace web http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/394 .

En moitos centros non dubidaron en entregar estas guías de lectura coas cualificacións ou nos festivais de fin de curso, nas bibliotecas municipais, librarías e establecementos da zona, facendo visible o traballo da biblioteca escolar e promovendo a lectura en todo o entorno.

Ademais moitas bibliotecas escolares do mesmo concello colaboraron entre si e coas correspondentes bibliotecas municipais na elaboración destas recomendacións de lectura mediante un proceso de intercambio de información e opinións, como é o caso das de Redondela, Porto do Son, Cambre ou Rianxo, entre outras.

Préstamos

Ademais da orientación, as bibliotecas escolares promoven este verán o préstamo masivo de libros e outros materiais – música, cine...-  nun préstamo especial no que as alumnas e alumnos poden levar ata 10 volumes para que non lles falten lecturas no período estival.

Por outra banda recoméndase a visita ás bibliotecas públicas en vacacións, co fin de seguir a traballar nas accións a favor da lectura. Deste xeito conséguese crear nos máis novos o gusto por ler, a creación de hábitos lectores e a competencia lectora, fundamental para o éxito escolar, persoal e profesional.

Hora de Ler

O fomento da lectura durante o verán é unha iniciativa enmarcada nas habituais actividades que se desenvolven nas bibliotecas escolares no marco do Plan LÍA, e coas que a Consellería quere favorecer unha mellor comprensión lectora entre o alumnado, o que redunda nuns mellores resultados académicos e no éxito escolar.

Neste sentido, ‘Hora de Ler’ é o programa que enmarca todas as accións de fomento da lectura nos centros educativos.

A colaboración entre os colexios e institutos está a ter unha gran importancia no bo funcionamento deste programa, tanto para a dinámica de traballo colaborativo que se crea entre eles como para o intercambio de materiais e vivencias que se realiza a través dos blogues da asesoría relacionados coa biblioteca (http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/), a lectura (http://bega-horadeler.blogspot.com/), os clubs de lectura (http://lerenmancomun.blogspot.com/), o banco de libros para préstamo entre centros (http://librosaeito.blogspot.com/) e a recomendación de lecturas.

Este programa “Hora de ler”, ampara diversas iniciativas, tales como a edición anual de carteis destinados a envolver as actuacións da biblioteca escolar, facéndoa presente e visible. Ademais, a Consellería achega aos centros materiais específicos para cada ciclo, atendendo ás características do alumnado segundo a súa idade e ás necesidades de recursos expresadas polos docentes. Estes materiais van acompañados dunha guía para o profesorado, con propostas e orientacións para a súa utilización.

Clubs de lectura

Dentro deste programa de fomento da lectura, Hora de ler, realízase ademais a convocatoria anual de Clubs de Lectura para os centros de titularidade pública que acollen ensinanzas de ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos, EPA e Ensinanzas Especiais co fin de promover a participación dun grupo de rapaces e rapazas para compartir as súas experiencias lectoras. Este curso académico 2010/2011 realizouse a cuarta convocatoria que acolle xa a 200 centros e uns 5.000 lectores.

Mochilas viaxeiras

Ademais de mellorar os fondos e recursos das bibliotecas escolares, a Consellería de Educación fomenta que os escolares lean na casa a través de propostas como a das ‘Mochilas Viaxeiras’, ou os ‘Libros que van e veñen’.

As mochilas viaxeiras son préstamos de material en diversos soportes desde a biblioteca aos fogares, pensadas para que se poida organizar unha actividade que implique ás familias, e así proporcionar un motivo de encontro entre os distintos membros desta, tomando como motivo o mundo dos libros e da lectura.

Doutra banda, os libros que van e veñen,viaxan en bolsas nas costas do alumnado de educación infantil, desde a biblioteca escolar ás casas, protexendo eses materiais tan valiosos e atractivos, que comparten cos pais entre o xogo e a experiencia común do acceso ao coñecemento.

Referente de calidade

As diferentes iniciativas que a Consellería de Educación está a desenvolver no marco do Plan LÍA están a dar uns satisfactorios froitos, colocando ás bibliotecas galegas como un referente de calidade e modelos a imitar. Moitas das bibliotecas son recoñecidas dentro e fóra da comunidade autónoma, ao darse a coñecer as súas prácticas de excelencia a través da formación do profesorado que se está a programar desde a asesoría de bibliotecas escolares. De feito, Galicia foi a Comunidade Autónoma con máis bibliotecas premiadas - con 8 centros, máis do 30% do total dos galardoados- nos premios do ‘Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas de centros escolares 2010’, organizado polo Ministerio de Educación. 

Estas bibliotecas tamén están a conseguir outros galardóns, como o selos de “Buenas prácticas Leer.es” que recibiron centros coma o IES Alexandre Bóveda ou o CEIP A Lama; ou o selo de calidade e-twinning, recibido polas actividades compartidas  con outros centros europeos arredor da lectura, como é o caso do IES de Poio.

Desta forma o impulso que a Xunta de Galicia dá ás bibliotecas está a liderar cambios de profundidade nos centros educativos, promovendo cambios metodolóxicos en base a metodoloxías activas, moito máis axeitadas ao alumnado do século XXI, mediante a utilización de fontes informativas diversas en función das súas necesidades, e sempre baixo a atenta mirada do profesorado.

Declaracións do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal