A Consellería de Educación adxudica a obra de ampliación do CEIP Antonio Magariños de Cambados

O investimento total de todas melloras que se realizaran neste centro superará os 386.000 euros

A primeira fase das obras ten un orzamento de máis de 176.000 euros destinados á mellora da biblioteca escolar e a mellora de outros espazos do colexio

Sáb, 13/08/2011 - 12:45

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ven de adxudicar as obras de ampliación do CEIP Antonio Magariños de Cambados. Deste xeito cúmprese co compromiso adquirido polo conselleiro, Xesús Vázquez Abad, que durante a visita realizada a semana pasada a vila pontevedresa recordou que a obra terá un montante total superior aos 376.000 euros.

Nesta primeira fase da obra o orzamento será de 176.874 euros destinado á creación dun comedor no centro escolar, así como á ampliación da biblioteca e a reforma das aulas. A este investimento engádese o xa realizado de 9.600 destinado á redacción do proxecto, que cómpre recordar que beneficiará as 258 alumnas e alumnos do centro. Por outra banda a Consellería recorda que as melloras continuarán en vindeiras fases, nas que se realizaran reformas na pista cuberta e no patio de xogos deste CEP, unhas obras que suporán un investimento superior aos 200.000 euros.

A primeira fase

Nesta primeira etapa, as actuación previstas nas instalacións do CEIP Antonio Magariños darán resposta a unha das principais demandas da súa comunidade educativa, dotando ao centro do comedor que viña solicitando. Ademais, e xunto a este espazo, ampliarase a biblioteca para mellorar a súa funcionalidade, colocando xunto a ela unha aula polivalente e un lucernario para o maior aproveitamento da luz natural. Ademais ese novo espazo terá un acceso directo ao exterior que lle dará un maior uso, cumprindo tamén unha petición da comunidade educativa do centro.

Nesta primeira fase tamén se levará a cabo unha reestruturación dos espazos de 4 aulas de primaria para conseguir espazos máis axeitados ao seu uso.

O proxecto

En vindeiras fases, actuarase sobre a pista cuberta, o patio de xogos e as aulas de primaria.  Así, o patio do colexio, onde se atopan as zonas de recreo do alumnado, será dotado dun novo firme acorde co seu uso, un pavimento de formigón coloreado que aporta condicións de fácil mantemento, limpeza, illamento térmico e mellor tracción, o que constituirá unha mellora substancial e axustada ás actividades ao aire libre que os alumnos realizan neste espazo.

Por outra parte levarase a cabo a remodelación da pista cuberta, á que se engadirá protección lateral, illando a pista e optimizando o espazo para o desenvolvemento de actividades no interior da mesma sen importar as condicións meteorolóxicas exteriores.

Entre as melloras previstas nos espazos deportivos e de ocio está previsto dotar de aseos a pista cuberta, e rehabilitar o espazo destinado aos utensilios destinados a realizar actividades deportivas. Ademais, o proxecto contempla, no exterior do centro, traballos de saneamento dos canlóns de evacuación de augas, e a construción dunha galería perimetral, a modo de porche, que permita o acceso pechado desde o colexio á pista cuberta. Por último, tamén se contempla a posibilidade de engadir outro porche cuberto de entrada no acceso secundario do centro, onde se remodelarán as escaleiras e ramplas de acceso.

Con este proxecto a Consellería continúa co seu compromiso de mellora do sistema educativo galego. Mellorando as condicións de accesibilidade e infraestrutura xeral do CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados, o profesorado e os alumnos do centro poderán afrontar o vindeiro curso nas mellores condicións.