A Consellería apoia ao alumnado galego coas taxas máis baixas do Estado e con axudas por causas sobrevenidas
Educación continúa facilitando o acceso aos estudos e o vindeiro curso terá as taxas universitarias máis baixas do Estado
Os estudantes afectados por causas sobrevidas aínda poden solicitar as axudas para continuar os seus estudos
Declaracións de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continuará a apoiar medidas sociais para facilitar o acceso aos estudos ás galegas e galegos, no que constitúe unha aposta pola formación da cidadanía. Así, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad decidiu propoñer, por segundo ano consecutivo, aplicar a suba mínima aplicar o vindeiro curso a suba mínima do 3,6% nas taxas universitarias, unha decisión respaldada polo Consello Galego de Universidades (CGU) e grazas á cal Galicia é a Comunidade Autónoma con prezos máis baixos nas devanditas taxas.
Cómpre lembrar que a Consellería conxelou as taxas no primeiro ano de lexislatura e que desde entón vén aplicando as subas mínimas esixidas pola Conferencia General de Política Universitaria (CGPU), co fin de evitar que os estudantes vexan a súa traxectoria académica afectada por aspectos económicos.
Apoio aos estudantes
O departamento educativo da Xunta de Galicia propuxo no CGU aplicar o vindeiro curso a suba mínima do 3,6% nas taxas universitarias, o tramo máis baixo establecido pola Conferencia General de Política Universitaria para prezos académicos e demais dereitos para os estudos conducentes á obtención de títulos oficiais universitarios. Esta cifra fíxase cun intervalo acorde coa suba do IPC no período comprendido entre o 30 de abril de 2010 e o mesmo día e mes deste ano, polo que o mínimo é un 3,6% e o máximo un 7´6%, é dicir o IPC incrementado en catro puntos porcentuais. O CGU informou favorablemente a proposta do mínimo incremento da Consellería de Educación, polo que o vindeiro curso as taxas universitarias de Galicia serán as máis baixas de toda España.
Trátase doutra das medidas sociais que a Consellería está a desenvolver co fin de evitar que os estudantes galegos teñan que deixar a un lado a súa formación como consecuencia do impacto da crise económica.
Cómpre lembrar, nesta mesma liña, que continúa aberta ata o 30 de setembro a convocatoria de axudas ao alumnado do SUG que teña dificultades económicas ocasionadas por causas sobrevidas ou imprevistas - falecemento dun proxenitor, desemprego do sustentador principal...- coas que Educación quere contribuír a que estas persoas poidan continuar cos seus estudos.
Declaracións de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades