Educación licita por 860.000 € a rehabilitación integral do CEIP Xulio Camba (Vilanova de Arousa)

O obxectivo é comezar as obras durante o verán

Lun, 04/05/2020 - 16:05

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma de Contratos de Galicia a licitación da obra de rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Xulio Camba (Vilanova de Arousa), por un importe total de 859.678,08 €. Está previsto executar os traballos de interior en verán e compatibilizar o remate dos de exterior coa actividade docente. As obras teñen un prazo de execución de 3 meses e son susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

As actuacións programadas inclúen unha parte específica dirixida a mellorar a eficiencia enerxética do centro. Para iso cambiarase a actual cuberta por unha nova de panel sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de espuma de poliuretano, así como os canlóns e baixantes. Así mesmo colocaranse paneis de la de roca para o illamento sobre forxado baixo cuberta en ambos edificios e illaranse as súas fachadas de ladrillo visto mediante inxección en cámara de aire de perlas expandidas de EPS e adhesivo. Nos panos de fachada do edificio de infantil, que non son de ladrillo cara vista, empregarase o sistema SATE, con placas de poliestireno expandido EPS.

Con este mesmo obxectivo cambiaranse as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo nos dous edificios, e tamén se substituirán as persianas, que se disporán de aluminio con illante térmico interior. Ademais, instalaranse novas luminarias con tecnoloxía LED, equipos de regulación e detección no edificio de educación infantil e na planta baixa do edificio de educación primaria.

O programa de necesidades inclúe tamén a mellora xeral das instalacións de calefacción,  de saneamento, de fontanería e de electricidade, así como a eliminación de barreiras arquitectónicas do edificio de educación primaria, mediante instalación dun ascensor e execución dun aseo adaptado en planta baixa. Tamén se substituirán os falsos teitos da planta baixa do edificio de infantil por falso teito rexistrable constituído por panel acústico de la de roca e colocaranse paneis fonoabsorbentes nas estancias deste edificio que carecen de falso teito.

A maiores limparanse e pintaranse os paramentos verticais e teitos de todas as estancias, e reorganizaranse espazos dentro dos edificios (local de ANPA; salas de psicomotricidade e pedagoxía terapéutica, biblioteca, etc).