A Consellería de Educación maniféstalle ao Ministerio o seu desacordo coa orde publicada hoxe no BOE
Carmen Pomar enviou unha carta a Isabel Celaá lembrándolle as alegacións presentadas por Galicia a semana pasada
O Goberno central recoñece que ten a competencia exclusiva para regular as condicións de obtención dos títulos pero deixa a criterio dos docentes esta decisión, o que pode xerar diferenzas entre Comunidades Autónomas
A Consellería publicará as instrucións autonómicas o vindeiro luns
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, enviou hoxe unha carta á ministra de Educación y Formación Profesional, Isabel Celaá, para manifestarlle seu desacordo coa Orde pola que se establecen o marco e as directrices de actuación para o terceiro trimestre do curso 2019-2020 e o inicio do curso 2020-2021, ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Un documento no que, malia recoñecer (como pediu Galicia) que o Estado ten a “competencia exclusiva para a regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais e normas básicas para o desenvolvemento do artigo 27 da Constitución a fin de garantir o cumprimento de obrigas dos poderes públicos nesta materia”, o Ministerio elude esta responsabilidade.
Neste sentido, a Orde publicada hoxe desoe as peticións de Comunidades Autónomas como Galicia e non fixa uns criterios claros para a promoción e titulación do alumnado. En xeral o Ministerio indica que, tanto para a promoción como para a titulación, se flexibilizarán os criterios, “sen ter en conta limitacións que afecten ao número de áreas pendentes”, deixando a decisión final nas mans do equipo docente. Deste xeito, o Ministerio está a incumprir as funcións que ten constitucionalmente atribuídas e polo tanto non garante a igualdade de todo o alumnado nos diferentes territorios do Estado español nin entre centros da mesma Comunidade.
“Desde a Consellería reiteramos en varias ocasións a nosa lealdade institucional ao Goberno nas actuais circunstancias, dando sempre prioridade ao benestar do alumando e a da comunidade educativa, porén, entendemos que iso non lles dá carta branca para utilizarnos como respaldo ás súas decisións”, apunta a conselleira na misiva. Ademais, para Carmen Pomar, “a máis mínima lealdade institucional esixiría que o borrador final da Orde se comunicase para evitar as erróneas interpretacións que o Ministerio publicou no BOE”.
A Consellería de Educación confía plenamente na profesionalidade dos docentes galegos pero considera insuficientes estas instrucións. Para a Xunta, esta falta de concreción traslada ademais –e así o manifestaron os equipos directivos á Consellería nas reunións que se manteñen semanalmente– unha presión innecesaria aos docentes, que se suma á situación xa complicada á que se enfrontan por mor desta situación descoñecida.
En todo caso, unha vez publicada a norma básica no BOE, o luns faránselles chegar aos centros educativos galegos as instrucións autonómicas, no marco das directrices determinadas polo Goberno central.