A Xunta esíxelle ao Ministerio de Universidades que aclare a súa política de bolsas para que ningún alumno se vexa prexudicado
A conselleira de Educación participou hoxe na Conferencia General de Política Universitaria
A perda de recursos por mor da crise do Covid-19 implica unha remodelación dos requirimentos para acceder a estas axudas
Ademais Carmen Pomar recordoulle ao ministro que é necesario que se dean xa instrucións claras sobre os prezos públicos de matrícula, dado que as Comunidades Autónomas teñen que comezar a elaborar os seus propios decretos
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta tarde na Conferencia General de Política Universitaria, na que esixiu ao ministro de Universidades, Manuel Castells, que aclare xa a política de bolsas para que ningún alumno ou alumna se vexa prexudicado pola situación actual. Neste sentido a conselleira lembrou que, entre outras cuestións, non se pode tomar como referencia a renda do ano pasado para a concesión destas axudas, dado que moitas familias están a sufrir unha importante perda de recursos económicos por mor da crise do Covid-19.
Cómpre lembrar, así mesmo, que a modificación do calendario das probas de acceso á Universidade esixe a modificación dos prazos da convocatoria de bolsas de matrícula do Ministerio. Polo tanto, é necesaria unha remodelación dos requirimentos en xeral, que o Goberno Central debe dar a coñecer canto antes para dar certezas a alumnado e familias.
Por outra banda, Carmen Pomar recordoulle ao ministro que é necesario que fixe xa unha postura clara no referido aos prezos públicos de matrícula nas universidades. A este respecto cabe recordar que o Manuel Castells anunciou hai dous meses o establecemento dun prezo máximo por crédito a eliminación das coñecidas como “horquillas” (porcentaxes sobre o importe total do prezo real de matrícula que paga o alumno, que varía de menos a máis en función de se é primeira matrícula ou posteriores). Ante esta petición, o ministro avanzou que nun prazo máximo de dúas semanas se convocará unha nova xuntanza para tratar de maneira específica este tema.
Tendo en conta que cada unha das Comunidades Autónomas debe elaborar unha orde propia de establecemento de prezos públicos de matrícula que se axuste ás directrices do Ministerio, é necesario coñecer canto antes as indicacións do Goberno Central sobre este tema. Cómpre lembrar que no curso 2019/2020 Galicia volveu conxelar estas taxas nas ensinanzas de grao e máster nas universidades galegas. Deste xeito, Galicia é a única Comunidade Autónoma que mantén conxelados os prezos das matrículas universitarias por noveno ano consecutivo, e sitúase, de novo, coas taxas máis baratas do Estado para cursar estudos de grao e máster habilitante.
Instrucións que chegan tarde
Na Conferencia General de Política Universitaria abordouse o documento de indicacións elaborado en base á última reunión deste órgano, a través do que se pretende ofrecer instrucións arredor da modificación das guías docentes, o enfoque das prácticas ou as memorias de avaliación, entre outros asunto.
Carmen Pomar destacou a utilidade do documento se se tivera pechado antes, dado que neste momento, e co fin de curso ás portas, quedou obsoleto. De feito, as Comunidades Autónomas xa elaboraron as súas propias directrices, en colaboración cos reitores das universidades, e xa se publicaron resolucións reitorais arredor de todas estas cuestións.
Neste sentido, a conselleira informou de que o seu departamento mantén unha estreita cooperación cos reitores das tres universidades galegas que xa están a publicar as súas propias instrucións para o desenvolvemento do fin de curso.