O conselleiro de Educación visita as instalacións do IES Xunqueira I, en Pontevedra

Vázquez Abad comprobou o estado das obras de reforma e mellora que se están a realizar no centro cun valor de preto de 150.000 euros

Previamente estivo no CEIP Vilaverde, que o vindeiro curso se integra no proxecto Abalar

Neste colexio comprobou o estado das obras, xa rematadas, relativas á instalación dun ascensor e adaptación dun aseo para minusválidos por preto de 60.000 euros

Mar, 02/08/2011 - 14:15
O conselleiro de Educación no CEIP Vilaverde
O conselleiro de Educación no CEIP Vilaverde, onde mantivo un encontro con membros da comunidade educativa

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola mañá as instalacións do IES Xunqueira I, na cidade de Pontevedra. Previamente, o conselleiro de Educación achegouse ao CEIP Vilaverde, onde mantivo un encontro con membros da comunidade educativa, ademais de coñecer en primeira persoa o resultado as obras de mellora realizadas de cara ao vindeiro curso.

Acompañado polo delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís, polo xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares, e pola directora do centro, Dolores Varela Salgado, o conselleiro aproveitou a visita a este instituto para comprobar o estado das obras de reforma da instalación da calefacción, que supoñen un investimento de máis de 145.000 euros. A esta obra engádese a, xa remata, de mellora no alumeado e os seus correspondentes circuítos que tivo un custe de 4.000 euros.

Ampla oferta

Durante o seu percorrido polo instituto pontevedrés o conselleiro de Educación destacou a completa oferta do centro, no que se imparten todos os Bacharelatos. De feito o vindeiro curso empezará a ofertarse a rama do Bacharelato Tecnolóxico, dentro do de Ciencias e Tecnoloxía, que se une ao de Artes, Humanidades e Ciencias Sociais. Ademais as alumnas e alumnos do IES Xunqueira I está a mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras nas seccións bilingües que se están a impartir no centro, no marco do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras desenvolvido pola Consellería de Educación.

Doutra banda, o instituto conta cos módulos obrigatorios de carácter xeral dos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) que se imparten no Centro Integrado de Formación Profesional A Xunqueira, e co ciclo de grao medio de Laboratorio.

Cómpre recordar ademais que os estudantes de ESO e Bacharelato que ata agora asistían ao IES Xunqueira foron trasladados a este instituto contiguo e ao Xunqueira II. Do mesmo xeito os profesores do centro mantiveron o seu posto nestes institutos ou noutros centros da cidade do Lérez.

CEIP Vilaverde

Antes de visitar o IES Xunqueira I o conselleiro tamén percorreu o CEIP Vilaverde, que é tal e como indicou o conselleiro, un dos 77 centros que se integrará o vindeiro curso no Proxecto Abalar.

Vázquez Abad percorreu o colexio xunto a súa directora María Isabel Pazos Solla, onde visitou a obra, xa rematada, de instalación dun ascensor así como dun aseo para minusválidos.

Dita obra que supuxo un investimento de preto de 60.000 euros responde as necesidades de accesibilidade que tiña o centro, no que estudan preto de cincocentas alumnas e alumnos. Neste punto Vázquez Abad recordou que “estamos a traballar para que os nosos estudantes teñan as mellores instalacións, de acordo coas súas necesidades”.

Con estas visitas o conselleiro volveu a dar conta do seu interese polo estado dos centros educativos de cara ao novo curso escolar. Un ano no que cómpre recordar que a Consellería sigue apostando pola educación de calidade, unha tarefa para a que conta coa inestimable axuda dos docentes, aos que o conselleiro fixo referencia na xornada de hoxe ao sinalar que “a súa profesionalidade e a clave para ter a seguridade de que as novas xeracións reciben a mellor formación”.