A Consellería de Educación premia os mellores proxectos empresarias e ideas innovadoras do alumnado no certame FP Idea
No concurso foron recoñecidos os mellores proxectos dos alumnos dos centros de formación profesional galegos
FP Idea forma parte do Plan “Eduemprende” destinado a potenciar a capacidade emprendedora do alumnado
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de premiar, no marco do certame FP Idea 2011, os mellores proxectos empresariais e ideas máis innovadoras do alumnado de ciclos de grao superior sostidos con fondos públicos, dos centros de formación profesional galegos. Os galardóns recoñecen tanto o traballo das alumnos e alumnas como o indispensable labor de titorización dos seus profesores no desenvolvemento dos seus traballos.
Con estes premios a Consellería pretende potenciar a creación de novas empresas así coma o espírito emprendedor do alumnado galego, coa finalidade de que estes proxectos repercutan no futuro económico e social de toda Galicia.
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad en colaboración con BIC-Galicia, outorgou tres premios na modalidade A, de proxecto de empresa; e seis na modalidade B, de idea. Respecto dos proxectos, o primeiro premio recaeu en “Me lo dijo un pajarito”, de José Fernández Montero, Lourdes García Gómez e Laura Blanco Ríos, tirorizados polo mestre José Antonio Pérez Torres, do IES Ricardo Mella de Vigo. O segundo premio foi para “Cocina a domicilio” realizado por Gonzalo Álvarez Losada, Carlos Graña Morales e Nerea Pérez Rial, coa titoría do profesor Juan Ferradás Bautista, do CIFP Manuel Antonio de Vigo. Finalmente, recoñeceuse co terceiro premio o proxecto “T-Music” de Emanuel Rivolta de Sosa e Marcos Camba Martínez, apoiados polo profesor Francisco Álvarez Pérez, do IES Luis Seoane de Pontevedra.
Dentro da modalidade IDEA os premios distribuíronse entre os diferentes sectores produtivos. Así, “Marsupia, canguros a domicilio” composto por Cristina Forja Luque, Mirian García Martínez, Catherine Mourin Varela e Noelia Suárez Gerpe, baixo a titoría do mestre Arturo Iglesias Fernández, do CIFP Anxel Casal Monte Alto da Coruña foi recoñecida como mellor idea do sector servizos.
No sector do pequeno comercio, a mellor proposta foi “Greenmet”, realizado por Albanis Alicia Martínez Castillo e Karely Otero García, titorizadas pola profesora María Sanz Vázquez, do CIFP Someso da Coruña. A mellor idea do sector do medio rural e marítimo tamén recaeu no CIFP Someso da Coruña e foi “Arrechégate” de Ana Rodriguez Liñares e Francisco José Serantes, titorizados pola profesora María Sanz.
No sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICS) resultou premiada “MSS Beacon”, realizada por Héctor Rodríguez España e Jaime Montero Martínez, titoría do mestre Antonio Gonzaléz Fernández do IES de Fene. Mellor proposta no eido ambiental foi “Virtus Auditores” dos alumnos Raquel Pérez Groba, Eloy Barcía Pérez e Francisco Javier Lobeira Villar, titorizados polo profesor Alberto Pereira López do IES As Mercedes de Lugo. Por último, como mellor idea do sector da contorna industrial foi recoñecida “Friame de polvo galego”, de Daniel Temprano López e Jose Antonio Vidal Pillado, con titoría da profesora Concepción Ferreiro Franco do CIFP Paseo das Pontes da Coruña.
Fomentar o emprendemento
FP Idea atópase enmarcado dentro do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, “Eduemprende”. A finalidade do mesmo é fomentar a capacidade emprendedora, persoal e profesional do alumnado, potenciando o desenvolvemento de proxectos de tipo empresarial e liñas de negocio innovadoras.
O profesorado, base fundamental do sistema educativo, tamén é obxectivo do programa, pois tamén se procura a mellora da capacitación en materia de emprendemento, de todos aqueles docentes que apoien ao alumnado con propostas emprendedora, mediante o curso específico de formación impartido polo BIC-Galicia.
Mediante o apoio de iniciativas coma estas, a Consellería de Educación pretende fomentar o espírito emprendedor do alumnado galego, apoiando proxectos empresariais innovadores e con proxección de futuro dos que toda a sociedade galega poida beneficiarse. Deste xeito poténciase o nacemento de novas empresas e polo tanto a creación de emprego, a prol do crecemento económico de Galicia.