A Consellería e a Universidade de Santiago asinan o primeiro contrato programa para o fomento da excelencia

O cumprimento dos obxectivos acordados será avaliado anualmente para verificar a correcta asignación de recursos

Lun, 01/08/2011 - 13:33
A Consellería e a Universidade de Santiago
A Consellería e a Universidade de Santiago asinan o primeiro contrato programa para o fomento da excelencia

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou xunto co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan CasaRes Long, o primeiro contrato programa para a distribución da subvención por resultados, tal como establece o Plan de Financiamento do SUG 2011-2015. Ao acto tamén asistiu, xunto co conselleiro, o Secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Cómpre lembrar que unha das grandes novidades do devandito plan é a prioridade dos ingresos segundo os resultados obtidos por cada unha das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Deste xeito foméntase a mellora da calidade nas universidades galegas e a súa actividade investigadora, co fin de acadar as máximas cotas de excelencia.

Obxectivos e resultados

O contrato programa ten por obxecto acordar 20 obxectivos de mellora en 8 áreas de acción, relativas á adaptación das necesidades sociais; a docencia; a investigación; transferencia de tecnoloxía; a proxección internacional; responsabilidade social; xestión; e o campus de Lugo.

A finalidade é que os recursos vinculados á subvención por resultados que se asignen ás SUG se determinen en función da situación de partida e do logro dos obxectivos acordados.

Os obxectivos de mellora serán avaliados anualmente, ao longo do período vixencia do contrato programa – anos 2011 e 2012 – coa finalidade dunha correcta distribución da subvención por resultados. Deste xeito asegurarase unha óptima asignación de recursos en función do cumprimento dos obxectivos acordados entre consellería e Universidade.

Estes contratos programa xa foron formalizados a semana pasada coa Universidade de Vigo, e ao longo desta semana realizarase coa de Coruña. Deste xeito a Consellería dá un novo paso no desenvolvemento das previsións  fixadas no plan de financiamento das universidades galegas.