Máis de 100 estudantes rematan os cursos de verán de lingua galega para estranxeiros nas tres universidades

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, clausurou esta mañá a vixésimo cuarta edición do curso da Universidade de Santiago, que promoven a secretaría xeral, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega

O departamento da Xunta tamén colabora coas universidades de Vigo e mais da Coruña no desenvolvemento desta iniciativa

Ven, 29/07/2011 - 13:48
Máis de 100 estudantes rematan os cursos de verán de lingua galega
Máis de 100 estudantes rematan os cursos de verán de lingua galega para estranxeiros nas tres universidades

Máis de 100 estudantes procedentes de preto de 30 países rematan esta semana os cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros que levaron a cabo, durante o mes de xullo, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O responsable deste departamento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Anxo Lorenzo, clausurou esta mañá en Santiago de Compostela o XXIV Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia. Fíxoo na Facultade de Filosofía, onde se deron cita os 90 alumnos e alumnas que participaron na vixésimo cuarta edición desta iniciativa, que promoven a secretaría xeral, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC.

Durante o acto, Anxo Lorenzo felicitou os estudantes polo traballo realizado durante as últimas semanas e agradeceulles o seu interese pola lingua e a cultura galegas. Así mesmo, animounos a continuar afondando no coñecemento do idioma propio de Galicia para contribuír coa proxección internacional do galego desde os seus países de orixe.

Os 90 alumnos e alumnas que participaron este ano no curso de galego para estranxeiros do ILG proceden de 26 estados diferentes, entre os que se atopan Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, India, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Polonia, Portugal, Romanía, Rusia, Suecia, Taiwán e Ucraína. Cos estudantes da vixésimo cuarta edición, son xa máis de 2.300 persoas as que levan participado, a través da USC, nesta iniciativa.

Actividades para achegarse á lingua e á cultura galegas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén colabora coa UDC e mais coa UVigo na realización destes cursos de verán para estranxeiros, que inclúen un completo programa de actividades. A través de aulas teóricas e prácticas de galego, de conferencias, de visitas ás principais institucións de Galicia, de excursións a lugares de principal interese cultural e paisaxístico etc., os estudantes teñen a oportunidade de se familiarizar coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza