Educación asinará un convenio coa Universidade de Vigo para o financiamento do Campus do Mar por 5,3 millóns
O departamento educativo da Xunta de Galicia avalará a Uvigo no préstamo concedido polo Ministerio
Ademais, a consellería comprobará o desenvolvemento do proxecto
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria achegará á Universidade de Vigo 5,3 millóns de euros ao abeiro dun convenio co Ministerio de Educación para o financiamento do proxecto de Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar Knowledge in depth, coordinado pola Universidade de Vigo.
O Consello da Xunta deu hoxe a súa autorización á sinatura dun convenio entre a consellería e a Universidade de Vigo, polo que a Consellería de Educación actúa como avalista do préstamo concedido polo ministerio, 5,3 millóns de euros, que irán destinados a executar as actividades previstas na iniciativa Campus do Mar Knowledge in depth. Con carácter previo á transferencia da contía da axuda, a consellería comprobou que a Universidade de Vigo formalizou os acordos con organismos de investigación, entes locais, empresas ou outras entidades aos que fixera referencia no seu proxecto de conversión a campus de excelencia internacional. Ademais, o departamento educativo da Xunta de Galicia realizará o seguimento do cumprimento destes compromisos e do devandito proxecto.
Deste xeito a Consellería de Educación asume a responsabilidade da supervisión da xestión do crédito concedido ao Campus do Mar para facelo realidade, o que demostra o compromiso do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad no seu apoio ao Sistema Universitario de Galicia (SUG), que se afianza con este recoñecemento como un referente a nivel internacional, no marco desta nova etapa que constitúe o Espazo Europeo de Educación Superior.
O proxecto coordinado pola Universidade de Vigo é o segundo en Galicia en acadar o recoñecemento de campus de excelencia internacional, logo do Campus Vida coordinado pola USC, o que representa o triunfo da unión entre as tres universidades galegas nun proxecto común que integra a I+D+i, a empresa, e a excelencia arredor dos eidos mariño e marítimo”.