Os estudantes con Bolsas de Excelencia da Mocidade Exterior participan nunha xornada formativa sobre motivación, emprego e emprendemento
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Secretaría Xeral de Emigración, organiza hoxe unha xornada formativa dirixida aos estudantes universitarios e de grao superior de FP beneficiados coas Bolsas de Excelencia da Mocidade Exterior (BEME).
O obxectivo desta xornada -que hoxe abriu a Conselleira da Educación, Carmen Pomar, acompañada polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o vicerreitor da USC, Víctor Arce- é que os bolseiros coñezan experiencias da man de expertos en inserción laboral e de compañeiros que xa foron bolseiros, co fin de adquirir formación e orientación cara aos seus procesos de busca activa de emprego e de autoemprego.
Así, para a xornada de hoxe deseñouse un programa completo na que se abordan temáticas relacionadas coa motivación e a posta en valor do talento de cada un; co emprego, coas claves para o desenvolvemento da marca persoal ou orientacións para afrontar unha entrevista de traballo; e co emprendemento, coas ferramentas e axudas para o desenvolvemento de proxectos ou a posta en común de casos de éxito. Estas sesións de formación que teñen lugar na Universidade de Santiago de Compostela completaranse nos vindeiros días con xornadas similares nas universidades da Coruña (UDC) e de Vigo (UVigo).
Na súa intervención a conselleira Carmen Pomar destacou a colaboración dos distintos departamentos do Goberno galego xunto coas propias universidades para fomentar o retorno dos mozos e mozas que viven no exterior, e subliñou o compromiso “coa formación e xestión do talento”. Rodríguez Miranda, pola súa banda, invitou aos bolseiros a “aproveitar a súa experiencia e os seus coñecementos nesta nova etapa que están a emprender en Galicia”.
Neste obxecto enmárcase o programa de Bolsas de Excelencia da Mocidade Exterior (BEME) a través do cal se facilita a realización de másters nas tres universidades galegas así como de ciclos superiores de Formación Profesional. Trátase dunha iniciativa que se puxo en marcha de xeito pioneiro no ano 2017 para fomentar o retorno dos mozos galegos que viven no exterior, ofrecendo nos últimos tres anos un total de 550 prazas entre as dúas modalidades.