Carmen Pomar visita o alumnado de FP Dual de carrozaría na Unidad de Vehículos Industriales S.A. (UNVI) de San Cibrao

Actualmente cursan esta ciclo formativo dual que oferta o IES Universidade Laboral, o primeiro que se implantou na provincia de Ourense, un total de 26 alumnos

Mér, 26/02/2020 - 11:12
Carmen Pomar visita o alumnado de FP Dual de carrozaría na Unidad de Vehículos Industriales S.A. (UNVI) de San Cibrao

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, desprazouse esta mañá ata as instalacións da empresa Unidad de Vehículos Industriales S.A. (UNVI), para visitar o alumnado que cursa o ciclo de Formación Profesional de grao medio Dual de Carrozaría que oferta o IES Universidade Laboral de Ourense, o primeiro ciclo dual que se implantou na provincia de Ourense no curso 2013/14, e que actualmente conta con 26 estudantes matriculados nos tres cursos que están vixentes.  Na visita estivo acompañada pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Logo de facer un percorrido pola empresa e coñecer a experiencia de man do propio alumnado, Carmen Pomar puxo en valor as ensinanzas de FP Dual, unha modalidade formativa na que se compaxina a formación académica nas aulas coa formación práctica nas empresas que está tendo moi boa acollida tanto polos estudantes como polo empresariado, e que se traduce nunha alta taxa de empregabilidade dos titulados.

A titular de Educación salientou que esta modalidade formativa -que tamén é tendencia en Europa- é unha das apostas da Consellería para os vindeiros anos e, nesta liña, puxo en marcha o Plan de Dinamización da FP Dual de Galicia que ten entre outros obxectivos, acadar unha maior implicación por parte das empresas, incentivar a matrícula e apostar pola implantación de proxectos no rural.

No caso do ciclo de grao medio Dual de Carrozaría, que se imparte no IES Universidade Laboral de Ourense en colaboración coa empresa UNVI, ten unha duración de tres anos, polo que agora mesmo hai matriculados 8 alumnos que comezaron no 2017/18 e que rematan os seus estudos este ano, 6 alumnos que comezaron no 18/19 e outros 13 que acaban de iniciar este ciclo no presente curso escolar.

Oferta FP Dual na provincia de Ourense

No presente curso escolar a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ofertou un total de 113 prazas de FP Dual na provincia de Ourense (51 de grao medio e 62 en grao superior), que se corresponden con 9 ciclos. Isto foi posible grazas á implicación dun total de 23 empresas de distintos sectores como son o da automoción, a hostalaría, a alimentación, os servizos sociais ou a informática.

De feito, como novidade neste curso implantáronse por primeira vez os ciclos de grao medio  de Comercialización de produtos alimentarios no CIFP Portovello (Ourense); o de Coidados Auxiliares de Enfermería  e o de Desenvolvemento de Aplicacións web, ambos no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense); os superiores de Automatización e Robótica Industrial e de Mecatrónica Industrial, no IES Universidade Laboral (Ourense), e o superior de Automatización e Robótica Industrial no IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño).

Declaracións da conselleira