A Consellería de Educación abre a convocatoria para incorporar 75 centros ao proxecto de libro dixital E-Dixgal
A iniciativa vai dirixida a centros que impartan os dous últimos cursos de Primaria e os dous primeiros de ESO
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia e no Portal Educativo a convocatoria para a selección de centros para participar no proxecto Educación Dixital (E-Dixgal) durante o curso 2020/21. Tal e como indica a convocatoria, está prevista a incorporación de 75 centros a esta iniciativa, a través da que se facilitan ao alumnado, de xeito gratuíto, libros e outros materiais dixitais cos que poidan desenvolver o seu proxecto curricular de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º da ESO.
Os centros que se incorporen a este proxecto serán dotados cos medios tecnolóxicos necesarios na aula para profesorado e alumnado. Ademais, terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Xunta e deberán utilizar para o desenvolvemento curricular materiais de referencia dixitais, que poden proceder desta contorna ou ser proporcionados polo centro.
A incorporación ao E-Dixgal en educación primaria implica impartir todas as materias en modalidade dixital; mentres que facelo en ESO supón impartir un mínimo de seis materias, a elección do centro, en modalidade dixital. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos dixitais, poden empregarse como complemento ou apoio.
A convocatoria E-Dixgal diríxese aos centros educativos galegos sostidos con fondos públicos que impartan o próximo curso ensinanzas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO. Os aspirantes deberán contar con aulas dixitalizadas (cos elementos do kit de aula dixital – EDI, proxector e equipo no posto do/a docente e conexión á rede de datos do centro) en todas as aulas implicadas no programa, así como cunha conexión de datos cunha velocidade nominal mínima de baixada de 100 Mbps.
O prazo para a presentación de candidaturas está aberto ata o 23 de marzo de 2020, incluído. As solicitudes deben dirixirse á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.
O proxecto E-Dixgal enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020). Nese curso participan neste proxecto un total de 345 centros, que verán súa permanencia prorrogada no programa a través desta convocatoria.