A colaboración entre as administracións no fomento do galego centra as visitas institucionais de Anxo Lorenzo en Ourense

O responsable de Política Lingüística mantivo hoxe senllas reunións co vicepresidente da Deputación de Ourense o co alcalde da cidade, a quen lles trasladou o interese da Xunta por traballar conxuntamente coas entidades locais na extensión social do idioma

Mér, 27/07/2011 - 18:00
A colaboración entre as administracións no fomento do galego
A colaboración entre as administracións no fomento do galego centra as visitas institucionais de Anxo Lorenzo en Ourense

A colaboración entre as administracións autonómica e local no fomento social da lingua galega centraron as visitas institucionais que o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, realizou hoxe á Deputación e ao concello de Ourense.

Por unha banda, o secretario xeral mantivo un encontro co vicepresidente primeiro da Deputación provincial de Ourense, Rosendo Fernández, con quen tivo oportunidade de valorar a cooperación entre as administracións local e autonómica no fomento social do galego a través da Rede de Dinamización Lingüística. O secretario xeral presentoulle ao vicepresidente esta iniciativa posta en marcha pola Xunta en 2010 co obxectivo favorecer a colaboración, a coordinación e as accións de promoción do galego desde o ámbito municipal.

Con este mesmo fin, Anxo Lorenzo tamén se entrevistou esta mañá co alcalde do concello ourensán, Francisco Rodríguez, e coa tenente de alcalde, Isabel Pérez, a quen lles trasladou o interese do Goberno galego por contar co apoio de todas as entidades locais nesta iniciativa. O secretario xeral fixo fincapé no caso dos concellos máis poboados de Galicia xa que, en termos xerais, é onde se detectan as maiores necesidades de planificación nas actuacións de dinamización lingüística.

Por este motivo, Anxo Lorenzo vén de iniciar unha rolda de encontros cos alcaldes dos concellos de maior poboación, entre os que se atopa Ourense, así como as localidades de Lugo, Ames, Cangas e Redondela, que tamén tivo ocasión de visitar nas últimas semanas.

Menús News node R