Arredor de 300 docentes debaten sobre o uso dos espazos educativos para potenciar a aprendizaxe, a creatividade e a diversidade
A conselleira Carmen Pomar inaugurou unha xornada formativa na que, a través de relatorios e obradoiros, se abordan distintas perspectivas e temáticas que posteriormente se incorporarán á práctica nos centros de ensino
Ao abeiro do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas, a Consellería de Educación inviste 200 millóns de euros nos centros escolares no período 2016-21
Ademais estase a traballar na transformación de espazos a través das bibliotecas escolares e dos Espazos Maker
Baixo o título “A escola é un espazo que fala de ti”, arredor de 300 docentes participan hoxe en Santiago de Compostela nunha xornada de formación na que se aborda o debate sobre o uso dos espazos educativos co fin de potenciar a aprendizaxe, a creatividade e a atención á diversidade.
A xornada foi inaugurada pola conselleira de Educación, Carmen Pomar, quen destacou a importancia dos espazos, do contexto ambiental e dos contornos pola súa “influencia indiscutible” no desenvolvemento educativo e nos procesos de aprendizaxe.
Pomar especificou que no proceso de ensino-aprendizaxe, non se pode poñer o foco exclusivamente na acumulación de coñecementos, “senón en ensinar a pensar, a resolver problemas en situacións da vida real, o que fai preciso reformular a práctica educativa para mellorar as competencias do noso alumnado”.
Segundo a titular de Educación, ademais das distintas actuacións de mellora das infraestruturas escolares que promove o seu departamento, “hai outra forma de intervir nestes espazos, considerándoos algo vivo, flexible, que pode adaptarse ás metodoloxías activas e inclusivas e, incluso provocalas”.
Este foi precisamente o centro do debate das xornadas formativas organizadas polo seu departamento co obxectivo de intercambiar experiencias, incentivar as boas prácticas e motivar os docentes a redeseñar os espazos de aprendizaxe. Así, a través de relatorios e obradoiros, neste encontro proxéctanse diferentes temáticas que posteriormente serán postas en marcha nos centros educativos, convertendo de novo as Xornadas nunha actividade xeradora de inquietudes na formación do profesorado que repercutirá na mellora da calidade educativa e dos resultados do alumnado.
Transformación de infraestruturas e espazos
Cómpre salientar que a Consellería de Educación está a realizar unha forte aposta pola renovación e transformación das infraestruturas e espazos dos centros educativos. No referido a obras, o Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-21, leva consigo un investimento de 200 millóns de euros na mellora das instalacións de centros escolares de toda Galicia. Moitas destas actuacións inclúen o pintado de paramentos interiores consonte ao Estudo cromático realizado pola Consellería, de forma que as aulas sexan de cores que favorezan a actividade lectiva.
Outro eixo de actuación son as Bibliotecas Escolares. Nesta liña, o departamento educativo da Xunta de Galicia está a afondar, a través do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares, na influencia destes espazos no proceso de aprendizaxe do alumnado. De feito, a segunda fase deste plan ten entre os seus principais obxectivos configurar as bibliotecas escolares como laboratorios creativos de aprendizaxe. Cómpre salientar que, desde 2009, a Consellería leva investido máis de 22 millóns de euros en materia de bibliotecas escolares.
Así mesmo, a iniciativa Bibliotecas LÍA.2. que avanza na conversión da biblioteca nun centro creativo de aprendizaxes, a través de melloras no espazo, mobiliario, equipamento e recursos, na organización dos mesmos e no reforzo das prácticas metodolóxicas activas.
Por outra banda estase a mellorar accesibilidade destes espazos para todos os membros da comunidade educativa a través de Biblioteca Inclusiva, iniciado no 2017, que actúa sobre catro ámbitos: accesibilidade dos espazos, mobiliario e equipamento adaptado, colección diversa e accesible, actividades inclusivas e sensibilización de toda a comunidade educativa.
Ademais, no marco da estratexia Edudixital, hai xa Espazos Maker en 20 centros educativos galegos, lugares de experimentación e de fomento das vocacións STEM dotados de material tecnolóxico e audiovisual.