O alumnado de ESO, FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos galegos co Programa EduTecEmprende
A Consellería de Educación ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para esta iniciativa ata o vindeiro 18 de febreiro
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de lanzar o novo programa EduTecEmprende, a través do que alumnado de FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos da nosa comunidade. O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo (Eduemprende), é motivar e sensibilizar os estudantes de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como a promover a súa achega ás áreas STEM.
As empresas e centros tecnolóxicos colaboradores, que os estudantes visitarán en función do curso no que estean, serán os concesionarios de automoción Pérez Rumbao, a Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, as centrais de enerxía de NATURGY, as instalacións de Aluminios Cortizo (Padrón), o centro tecnolóxico de ANFACO-CECOPESCA (Pontevedra), o de AIMEN (O Porriño), o Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (Ferrol), e as empresas GRADIANT (Vigo) e ENERGYLAB (Vigo).
Durante as visitas, as alumnas e alumnos terá a oportunidade de entrar en contacto con novas técnicas de produción, tecnoloxías intelixentes no seo da industria 4.0 e diversas profesións, a través das experiencias dos traballadores e das traballadoras, e coñecer o funcionamento dun centro tecnolóxico.
Previamente á visita, o centro traballará a actividade propia da empresa ou do centro tecnolóxico que se lle asigne, así como a súa implicación no sector produtivo correspondente, incorporando as actitudes e os valores propios do emprendemento.
Rematado o programa, o profesorado coordinador enviará unha memoria, na que se recolla o traballo realizado e as conclusións das persoas participantes. O labor realizado polo profesorado coordinador deste programa será recoñecido pola Administración como actividade de innovación educativa, cunha equivalencia de 12 horas de formación permanente do profesorado.
Solicitudes e financiamento
O programa vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO, bacharelato e formación profesional e poderán solicitalo os centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de febreiro de 2020. Os detalles da convocatoria poden consultarse na convocatoria no Portal de FP.
Os centros recibirán unha achega económica para o desenvolvemento do programa, que deberá ser específica para cada empresa ou centro tecnolóxico solicitado, ata un máximo de 300€. Cada centro poderá enviar unha única solicitude, na que poderá demandar máis dunha visita, coa orde de prioridade.