A Consellería de Educación publica o primeiro Protocolo para a intervención psicoeducativa da dislexia e outras dificultades específicas da aprendizaxe
Carmen Pomar presentou hoxe o documento
O documento salienta a importancia da detección e da colaboración entre todos os axentes implicados
Faise fincapé na metodoloxía de aprendizaxe do alumnado como base para calquera intervención psicoeducativa
O protocolo facilita a familias, docentes e orientadores unha serie de indicadores de alerta, relación de probas estandarizadas e compoñentes esenciais do proceso de detección e avaliación do alumnado
Ademais hoxe asinouse un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Dislexia para mellorar a atención educativa a este alumnado
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, acompañada da presidenta da Asociación Galega de Dislexia (Agadix), Esther López Carbajales; presentou hoxe o primeiro Protocolo para a Intervención Psicoeducativa da Dislexia e outras Dificultades Específicas da Aprendizaxe, un documento dirixido a facilitar a atención educativa deste alumnado, ofrecendo ás familias, aos docentes e aos servizos de orientación indicadores para o proceso de detección, pautas para a intervención psicoeducativa e para o proceso de seguimento e de avaliación. Así mesmo, relaciónanse as ferramentas TIC máis axeitadas para estes casos e as probas estandarizadas útiles, entre outras ferramentas.
Segundo explicou a conselleira, o documento que publica o seu departamento é un recurso que visibiliza as alertas que permiten identificar as dificultades para poñer en marcha, de xeito coordinado, todos os recursos humanos e materiais presentes nos centros educativos para actuar tanto desde a prevención como da propia intervención psicoeducativa. Ademais Carmen Pomar destacou que un dos puntos fortes do protocolo é que fai fincapé na prevención, dado que “a dislexia non é fácil de detectar, senón que implica un proceso de detección, de seguimento da alumna ou do alumno”.
Traballo multidisciplinar
A conselleira explicou que o Protocolo é o resultado dun traballo multidisciplinar e que a súa elaboración contou coa participación de profesionais de ámbitos como os servizos de orientación, a universidade, os centros educativos, as entidades sen ánimo de lucro que traballan para mellorar a calidade educativa do alumnado con dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe e as propias familias dese alumnado. Deste xeito, a Consellería pon de manifesto desde o primeiro momento que un dos elementos clave no tratamento destas dificultades de aprendizaxe é a colaboración entre todos os axentes implicados.
Neste sentido Pomar agradeceu tanto o traballo do grupo redactor do protocolo, facendo especial fincapé no papel das entidades e agradecéndolles os seu traballo. “Mantemos relación constante con máis dunha trintena de asociacións centradas na atención á diversidade, na maioría dos casos compostas por familiares das persoas afectadas. Familias ás que escoitamos e coas que debemos colaborar porque son quen mellor coñecen o alumnado e son piares fundamentais para calquera intervención educativa”.
Así mesmo a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo destacar o traballo dos centros de ensino, o profesorado e os servizos de orientación, “responsables de detectar, poñer en marcha, avaliar e facer o seguimento das medidas educativas e, sobre todo, de construír centros inclusivos nos que estas diferenzas sexan oportunidades e nos que cada un aprenda en función das súas capacidades”.
Necesidade específica de apoio educativo
O documento divídese en nove epígrafes, do que o primeiro funciona como introdución. Nel sitúase a dislexia e as demais dificultades de aprendizaxe –discalculia– dentro das necesidades específicas de apoio educativo, ás que se debe dar resposta cos medios e recursos que cada alumno necesita para acadar unha escola inclusiva.
Ademais, faise fincapé na necesidade de considerar, en primeiro lugar, a metodoloxía de aprendizaxe, a forma de aprender do propio alumno, os seus coñecementos previos... e todo o que vai condicionar a súa aproximación ao currículo, co fin de evitar dificultades.
Delimitación conceptual
Na segunda epígrafe abórdanse os aspectos conceptuais da dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe, considerando os factores causais e as características das dificultades da lectura, da escritura e das matemáticas. Trátase de achegar a información teórica necesaria para comprender os procesos cognitivos que interveñen na lectura, na escritura e no cálculo.
Neste sentido ofrécense definicións das dificultades específicas da aprendizaxe tanto desde o punto de vista académico como do da lexislación educativa e desde un enfoque clínico. Así mesmo debúllanse os factores causais –biolóxicos, cognitivos, socioafectivos e motivacionais, familiares e escolares–.
Abórdanse tamén as características e tipos das dificultades específicas da aprendizaxe e explícanse os erros que leva consigo cada unha delas e os signos de alerta que poden denotar que unha persoa as padece.
Identificación
Continuando nesta liña, o epígrafe terceiro desenvolve todo o proceso de identificación do alumnado con dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe, tanto desde os
primeiros indicadores como do conxunto do proceso de detección e valoración polos servizos de orientación, facendo fincapé en que esta detección ten como principal finalidade contribuír ao axuste da intervención educativa por parte do profesorado e, de ser o caso, da familia.
Para isto descríbense indicadores de identificación dirixidos ás familias –diferenciados pola idade do menor– e ao profesorado –diferenciados pola etapa educativa–. Tamén se ofrecen pautas para a detección desde o punto de vista do profesorado titor e para a valoración por parte dos departamentos de orientación, que elaboran o informe psicopedagóxico.
O Protocolo salienta que esta fase é fundamental para o axuste e individualización da intervención educativa e que debe ser desenvolvida, principalmente, pola xefatura do departamento de orientación de cada centro coa colaboración, de ser o caso, do equipo de orientación específico.
Intervención psicoeducativa
Na cuarta epígrafe abórdase a intervención psicoeducativa, considerando tanto o propio enfoque metodolóxico -que pode actuar como auténtico factor de prevención- como as orientacións para o alumnado con dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe, para o centro educativo, para o profesorado e para as familias.
Neste sentido incídese en que o éxito do proceso de ensino e aprendizaxe require unha coordinación moi estreita entre todos os axentes implicados na educación e no desenvolvemento integral do alumnado: familia, profesorado titor, profesorado de apoio, resto de docentes e, de ser o caso, outros profesionais externos ao centro que participen no proceso educativo.
Avaliación
A avaliación do alumnado debe ser entendida como un contínuum, que forma parte dos procesos de ensino e de aprendizaxe e que ten como principal finalidade obter información que permita adecuar o proceso ao progreso real na construción de aprendizaxes por parte de cada unha das alumnas e alumnos.
Para abordala dun xeito axeitado, a epígrafe quinta ofrece orientacións sobre o desenvolvemento do proceso da avaliación curricular. Así mesmo, incídese na necesidade de sumar a estes aspectos específicos un extraordinario coidado do desenvolvemento psicolóxico, do terreo emocional, de forma que o alumnado perciba que o profesorado coñece e comprende a súa realidade, que lle vai axudar en todo o que precise, considerando para iso a flexibilización dos tempos na realización das tarefas, así como as formas de manifestar a súa competencia, pero que tamén lle vai esixir esforzo e rendemento acorde ao seu potencial.
Seguimento
A sexta epígrafe ofrece orientacións para levar a cabo un seguimento adecuado da intervención psicoeducativa do alumnado, considerando catro niveis: alumnado, equipo docente, departamento de orientación e familia. Neste apartado indícase, ademais, que no informe de avaliación individualizado que se elabore ao remate do curso, o profesorado titor, asesorado polo orientador ou pola orientadora do centro, recollerá información referida ás medidas educativas adoptadas, aos resultados de ditas medidas e ás orientacións ou propostas para o seguinte curso escolar.
Así mesmo, ao comezo de cada curso, a persoa orientadora será a encargada de informar ao profesorado titor e ao equipo docente das necesidades específicas de apoio educativo do alumnado e das medidas propostas, en base ao informe psicopedagóxico e á información do equipo docente do curso anterior e da familia; intentando darlle continuidade ás medidas xa adoptadas e ofrecendo outras novas ao longo do proceso formativo.
Recursos e ferramentas
As tres última epígrafes van dirixidas a ofrecer recursos e ferramentas para a intervención psicoeducativa deste alumnado, tales como unha relación de recursos TIC que poden ser moi útiles e contribúen ao cambio metodolóxico (epígrafe sétima) ou unha relación de bibliografía para afondar no coñecemento da propia dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe (epígrafe oitava).
Na epígrafe novena figuran os anexos I, II, III e IV, nos que se recollen, respectivamente, unha síntese das principais características das dificultades específicas da aprendizaxe, os indicadores de alerta e indicadores de dislexia e/ou outras dificultades específicas da aprendizaxe, unha relación de probas estandarizadas útiles para a avaliación psicopedagóxica e psicoeducativa e unha síntese dos compoñentes esenciais do proceso de detección e avaliación deste alumnado.
Convenio de colaboración
No marco de presentación deste protocolo a conselleira e a presidenta de Agadix asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de acción e actividades dirixidas á mellora da atención educativa ao alumnado con dislexia. Neste sentido establécese que ambas partes colaborarán na sensibilización e na difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas destes estudantes.
Pola súa banda, a Consellería comprométese a promover na formación permanente do profesorado a cooperación de Agadix nas acción relativas á atención á diversidade e na formación dos docentes que atenden ás alumnas e alumnos con dislexia. Ademais, facilitarase a colaboración do persoal da asociación nos centros educativos que escolaricen estes estudantes.
O persoal de Agadix poderá prestar asesoramento na atención educativa, propoñer actuacións de carácter preventivo e concretas, apoiar na orientación sobre metodoloxías axeitadas e dar información e formación naqueles aspectos que o persoal dos centros requira. En calquera caso esta colaboración deberá ser acordada pola Dirección do centro, o persoal especialista da Asociación e as familias; e o profesorado titor será o responsable de coordinar as posibles actuacións concretas.
Este acordo enmárcase na cooperación que a Consellería de Educación mantén cunha trintena de entidades e colectivos especializados na atención á diversidade.