Carmen Pomar destaca o éxito da FP na comarca de Ferrol, unha das máis industriais de Galicia
A conselleira de Educación visitou hoxe o IES Leixa
Conta con máis de 3.200 persoas matriculadas nestas ensinanzas
Este ano ofertáronse 9 proxectos novos de FP Dual
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou hoxe o éxito da Formación Profesional na comarca de Ferrol, unha das máis industriais de Galicia. Non en balde, os 19 centros que a imparte contan con máis de 3.200 persoas matriculadas nestas ensinanzas.
Só no IES Leixa hai algo máis de 500 matriculados en ciclos de FP, o que fai del un dos centros de referencia. De feito, o centro conta con estrela PluriFP desde o ano 2018, polo que este curso ofertou na modalidade plurilingüe (con idioma inglés) o ciclo superior de Deseño e edición de publicacións impresas e multimedia. Ademais este centro foi un dos que incorporaron unha das maiores novidades da oferta de FP Dual deste ano, a dobre titulación de grao medio de Coidados auxiliares enfermaría e Atención a persoas en situación de dependencia.
Neste sentido cabe lembrar que a oferta de FP para o curso 2019/2020 incluíu a apertura de matrícula en 9 novos proxectos de FP, dos que 7 (incluído o devandito do IES Leixa) se implantaban no centro por primeira vez. Son, en concreto, o ciclo de grao medio en Comercialización de produtos alimentarios (CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro) e os de ciclo superior en Asistencia á dirección (CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro), Mantemento electrónico Enerxías renovables, Programación da produción en fabricación mecánica, Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos, Deseño en fabricación mecánica e Mecatrónica industrial, todos estes últimos no CIFP Ferrolterra. Esta aposta pola nova oferta en Dual, unida aos ciclos que xa se estaban impartindo, fan que hoxe a FP Dual na comarca conte máis de 180 matriculados.
Ademais, nos centros da comarca ofértanse ciclos en 21 das 23 familias profesionais implantadas en Galicia, en concreto nas de Actividades físicas e deportivas, Administración e xestión, Agraria, Artes gráficas, Comercio e márketing, Edificación e obra civil, Electricidade e electrónica, Enerxía e auga, Fabricación mecánica, Hostalaría e Turismo, Imaxe e son, Imaxe persoal, Industrias alimentarias, Informática e comunicacións, Instalación e mantemento, Madeira, moble e cortiza, Marítimo-pesqueira, Química, Sanidade, Servizos socioculturais e á comunidade e Transporte e mantemento de vehículos.
Delas, o IES Leixa está especializado na de Servizos Socioculturais e á Comunidade, na de Artes Gráficas e na de Sanidade, con 9 ciclos no réxime ordinario presencial, un no modular para adultos presencial e outro no modular para adultos a distancia, a maiores do de FP Dual.
Programas innovadores
Carmen Pomar lembrou que o IES Leixa participa tamén en moitas das iniciativas innovadoras impulsadas desde a Consellería, como o Voluntariado de Lectura ou, dentro do Plan Proxecta, o programa Centros Activos e Saudables.
Así mesmo, o centro vén de recoller a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol ao IES Leixa, concedida polo traballo levado a cabo polo conxunto da comunidade educativa deste centro contra a violencia de xénero, que lle valeu tamén o Premio Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.